lunes, octubre 14, 2024
InicioO PaísA CoruñaO estudantado galego mobilízase polo dereito á vivenda

O estudantado galego mobilízase polo dereito á vivenda

A organización estudantil ‘Erguer’ ten convocada unha folga para este mércores co fin de mobilizarse polo dereito a unha vivenda digna

O prezo da vivenda en Galicia, ao igual que no resto de España, leva sufrindo un forte ascenso os últimos anos, agravando deste xeito a situación para o estudantado que pretende mudarse ás cidades para cursar estudos de grao superior. É por iso, que dende a plataforma de organización estudantil ‘Erguer’ está convocada unha folga para este mércores 2 de outubro, co fin de visibilizar a problemática da vivenda estudantil e reclamar solucións concretas que melloren as condicións actuais.

«Esta crise remite a unha soa causa: o capitalismo neoliberal. Vivimos nun sistema económico que subordina o dereito fundamental a unha vivenda digna ao uso desta para perpetuar a acumulación de capital e a xeración de rendas. Deste xeito, a función da vivenda deixa de ser garantir as necesidades sociais e pasa a ser unha mercadoría máis, fomentando a especulación. Négase así ás clases populares, e especialmente aos segmentos máis precarizados do estudantado, o dereito a acceder a unha vivenda digna» informan dende a plataforma. 

A folga está convocada para as 12:00h do 2 de outubro en todas as cidades de Galicia. Os puntos de encontro serán:

Coruña: Obelisto

Vigo: Plaza América

Lugo: Edificio Multiusos da Xunta

Pontevedra: Praza da Peregrina

Ourense: Facultade de Ferro

Ferrol: Edificio da Xunta, Praza Amada García

Compostela: Alameda

Esixen tres medidas principais para atallar o problema

Dende a plataforma ‘Erguer’ consideran prioritarias tres medidas para conseguir paliar esta problemática. Por unha banda, piden aumentar o número de prazas en residencias públicas, rehabilitando as infraestruturas existentes e creando outras novas.

Piden tamén que se desenvolva unha bolsa de vivenda pública en réxime de aluguer destinada ao estudantado, constituída a través da compra, rehabilitación e construción de inmóbeis nos centros urbanos das sete cidades galegas.

Por último, esixen unha regulación dos prezos dos alugueres para controlar a súa suba descontrolada, empregando todas as ferramentas xurídicas e fiscais dispoñibles. «A suba de alugueiros é moi abusiva e iso dificulta para moitos de nós poder seguir estudando» aseguran dende a organización.  

Segundo un dos principais portais de inmobiliaria online, o prezo do metro cadrado en Galicia no mes de setembro sitúase en 2024 nuns 1.423€. Isto supón un aumento do 0,2% no mes de agosto e máis dun 4% con respecto ao mes de setembro en 2023.

Deixámosvos a continuación unha entrevista coa organización da plataforma de estudantes ‘Erguer’.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS