domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas pon a punto os centros educativos de infantil e primaria

Ponteareas pon a punto os centros educativos de infantil e primaria

O CEIP Santiago de Oliveira contará por primeira vez cun espazo para xantar ao mediodía, no CEIP Ramiro Sabell realizáronse obras de accesibilidade, na unitaria de Areas cambiouse o tellado e tanto nesta como na de Ribadetea instálanse novas ventás

A concellería de Ensino do Concello de Ponteareas, que dirixe Ricardo González, realiza os últimos remates dos traballos de posta a punto dos colexios de infantil e primaria e das aulas do Centro Rural Agrupado A Picaraña que entrañaron obras maiores, de accesibilidade e de seguridade pero tamén obras de mantemento básico en interiores e exteriores, de desbroce e de limpeza nos cinco colexios de infantil e primaria do Concello e nas seis aulas que integran o CRA.

O Concello investiu nestas obras realizadas na tempada estival máis de 42.000€ euros que permitiron importantes arranxos como os realizados no colexio Fermín Bouza Brey onde se fixo unha intensa intervención de limpeza xeral tanto interior como exterior e corta de árbores do perímetro do colexio para evitar riscos. Tamén se procedeu á preparación e saneamento das paredes tanto do muro como da aula do comedor para posterior pintado.

No comedor e cociña mellorouse o solo e instalouse tarima flotante e rodapé ademais de reparar as persianas rotas, as avarías de fontanería e calefacción que perdían auga e acondicionar os xogos na zona infantil ao estar moitos dos anteriores rotos.

“Afrontamos este verán importantes obras que viñan sendo demandadas dende hai moitos anos pola comunidade educativa. As aulas do CRA precisan de grandes reformas porque, na maioría, os tellados e a estrutura están moi danados por falta de mantemento ao longo do tempo e demos resposta a necesidades das familias como a creación dun aula para comedor en Santiago de Oliveira ou o cambio do tellado na unitaria de Areas que irá con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra así como o cambio de ventás nesta aula e na de Ribadetea que mellorarán a eficiencia enerxética do edificio pero tamén a confortabilidade do espazo”, explica Ricardo González.

Comedor escolar
No colexio de Santiago de Oliveira deuse resposta a unha necesidade das familias que axudará á conciliación familiar e laboral e acondicionouse unha aula para comedor no que se montou fontanería, electricidade, instalación de clorímetro, tarima flotante no solo e rodapés, pintado de dúas aulas e se completou a obra co cambio das espaldeiras e a compra e próxima instalación de estores e luces de emerxencia.

A alcaldesa, Nava Castro, na súa visita ás obras adiantou á directiva do centro que o colexio contará con todo o apoio necesario para que as familias poidan deixar aos seus fillos e fillas ao mediodía nese espazo habilitado para o comedor e axudar así á conciliación.

Preparar tres aulas para comezar o curso foi a prioridade para o CEIP Feliciano Barrera de Guláns no que se repararon as paredes en tres aulas completando a intervención co pintado das mesmas, colocación de tarima flotante e estanterías. Ademais retirouse o caucho vello da zona de xogos infantís e instalouse máis de cen metros cadrados de caucho novo nesta zona e cortouse árbores para mellorar a seguridade.

No CEIP Ramiro Sabell procedeuse á construción dunha rampa de formigón para mellorar a accesibilidade, colocáronse dous termos de auga, fixeronse reparacións na fontanería, retiráronse residuos ao punto limpo e desbrozouse a parte traseira do centro eliminando a súa vez especies invasoras.

No colexio As Veigas, anterior Nosa Señora dos Remedios, cortáronse árbores que danaban o muro exterior evitando así futuros problemas de seguridade e pintáronse os teitos ademais de colocar distinto material como os corchos das aulas que se instalarán nos vindeiros días. Tamén houbo que retirar residuos ao punto limpo, desrratizar toda a zona, instaláronse novos timbres e realizaronse tarefas de mantemento de electricidade.

Ademais, na aula de Ganade e na de Moreira realizáronse traballos de poda e revisión de persianas, na de Pías de pintado de muro exterior, instalación de toldo e recheo no areeiro e instalacións de pasamáns no edificio anexo. Na escola unitaria de Portela, en Xinzo, reparáronse a fontanería dos baños e realizouse a estrutura e colocación dun toldo de sombreo. Na aula do CRA de Parada fixéronse actuacións de seguridade como o grapado do muro de contención, intervención temporal á espera das obras de substitución do muro. Nesta mesma aula reparáronse os baños e mercouse e colocouse un espello ademais de proceder á instalación de cinco estores e podar.

O edil de Ensino quere trasladar o seu agradecemento especial ás traballadoras e traballadores desta área que non puideron descansar para inaugurar a tempada escolar con estas melloras realizadas, “somos conscientes de que quedaron obras sen facer pero que non esquecemos e que executaremos en canto sexa posible”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS