domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadeA historia de 'Urraca I de León' chega ao Castelo do Sobroso...

A historia de ‘Urraca I de León’ chega ao Castelo do Sobroso da man do Concello de Ponteareas e Deputación

A xornada será o venres 13 a partir das 19:00h

O Concello de Ponteareas presenta o faladoiro “Urraca I de León” e convida a toda a cidadanía a participar neste encontro que terá lugar este venres día 13 no Castelo do Sobroso a partir das 19:00 horas e para o que é preciso inscribirse en protocolo@depo.gal ao ter aforo limitado.

A alcaldesa, Nava Castro, e a deputada de Igualdade e Benestar, Sandra Bastos, inaugurarán unha xornada na que intervirán a xornalista e escritora autora do libro ‘La Temeraria’ e Diana Pelaz, historiadora e doutora en Historial Medieval.

Esta acción de divulgación enmárcase no ciclo “Aquí faltan páxinas. Historias de mulleres galegas extraordinarias que non sempre saen nos libros”. Nesta segunda colección achegará ao público a novas pioneiras, mulleres valentes e arriscadas, curiosas e inconformistas, que se aventuraron no eido das artes, coma Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal; na escrita, coma Avelina Valladares; na música, coma María Pardo Trapote; na loita antifascista, coma María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos; tamén na ciencia, coma Inmaculada Paz Andrade; ou na conquista de territorios, coma a raíña Urraca I, alcumada A Temeraria, por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes.

Urraca I de León
Rebelde e apoderada, Urraca I de León foi a primeira monarca de Europa en exercer un reinado de pleno dereito. Filla e sucesora de Afonso VI e Constanza de Borgoña, en 1109 ascendeu ao trono do reino de León, que abarcaba tamén Galicia. Durante o seu mandato demostrou ser unha muller moi adiantada á súa época, que cambiou as regras que marcaban como debían comportarse as raíñas.


A súa tía e homónima, Urraca de Zamora, instruíuna e serviulle de referente para non deixarse asoballar. Ela era tamén unha muller moi intelixente e rebelde que estudaba, participaba nas conversacións políticas, montaba a cabalo e ía de cacería cos seus irmáns.

Non a deixaron gobernar, pero proxectou na súa sobriña todo o que querería facer, e logrouno. Na España medieval de principios do século xii, nun mundo masculino onde as raíñas só podían dar herdeiros e contribuír co seu dote, a vida de Urraca I de León, alcumada a Temeraria polo seu carácter batallador, foi unha loita constante por conservar o poder e a integridade dos seus feudos ante as ameazas das e dos inimigos e dos seus propios parentes. As e os partidarios do seu fillo chegaron a cercala no castelo de Sobroso pero, malia as numerosas conspiracións, Urraca logrou gobernar en solitario ata o final da súa vida. Tras a súa morte, acusárona de reinar tiránica e femininamente e sufriu a condena da memoria, ou damnatio memoriae, que durante moitos séculos ocultou o seu gran papel como unha das raíñas máis determinantes da historia de España só polo feito de ser muller.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS