domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadeO CEIP da Ribeira de Porriño reforza a súa aposta pola innovación...

O CEIP da Ribeira de Porriño reforza a súa aposta pola innovación educativa

O colexio de Torneiros obtivo a maior puntuación na primeria fase do programa Observa_Acción de fomento do desenvolvemento das Competencias Profesionais Docentes e a aprendizaxe conxunta entre profesores

O CEIP da Ribeira de Torneiros posicionouse como primeiro centro galego no programa Observa_Acción, unha iniciativa da Xunta de Galicia na que o profesorado participante observase entre si para mellorar as súas competencias e á vez coñecer outras fórmulas docentes que poidan aplicar nas súas aulas.


Nunha primeira fase, emparelláronse os centros con outros que tiñan obxectivos similares para compartir boas prácticas e ideas que poñer en marcha nos propios centros para mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado e tamén a mellora da comunidade educativa.


Unha experiencia na que o centro porriñés obtivo a máxima puntuación en Galicia e grazas á cal neste curso que entra vincularanse a outros centros a nivel nacional e internacional. “Un orgullo para o centro pero tamén para Torneiros, xa que falamos dun barrio humilde e con familias en risco de exclusión social que fai tan só uns anos estivo a punto de pechar debido á falta de alumnado”, explican desde a dirección do Ribeira.


O Ribeira leva anos cambiando a súa metodoloxía para poder chegar ás particularidades de todo o seu alumnado, buscando aumentar a súa matrícula, algo que pouco a pouco se vai logrando a través de diferentes programas da Consellería de Educación, que permiten este tipo de experiencias e vivencias que, levadas ás aulas e co traballo e esforzo do profesorado, fan posible mellorar e cambiar a forma de educar dun xeito máis activo e innovador.


O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo trasmitir os seus parabéns “ao equipo directivo, ao claustro de profes e, en definitiva, a toda a comunidade educativa do CEIP Ribeira reforzar a súa aposta por unha educación en valores e en igualdade”. O rexedor destacou “que son moitos os nenos e nenas que soñan co seu futuro e se forman neste centro sabendo que non hai máis límites que o seu esforzo e o tesón que poñan no que fan. E seino ben porque eu fun un deles”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS