domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadeOs centros mosenses preparan os últimos detalles para a 'Volta ao cole'

Os centros mosenses preparan os últimos detalles para a ‘Volta ao cole’

Un equipo de 30 persoas traballa a pleno rendemento para que as aulas estén en perfecto estado o día 11 de setembro

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitaron esta mañá os 5 colexios mosenses para supervisar os labores de limpeza, mantemento e posta a punto dos centros de cara ao inicio do vindeiro curso escolar o próximo 11 de setembro.

Para desenvolver os devanditos labores o Concello destina un equipo humano de 30 persoas: 11 de persoal de limpeza, 6 conserxes e 13 operarios doutros departamentos municipais que fan reforzo estes días neste senso. “Deste xeito”, declaraban as representantes municipais Arévalo e Loureiro durante a ronda de visitas aos centros educativos, “estamos a traballar a pleno rendemento para que os 1.700 alumnos e alumnas da comunidade escolar mosenses, se atopen as aulas ao seu regreso con motivo do inicio do novo curso, en perfecto estado de revista”. Ademais apuntaron que desde o Concello lévase traballando todo o verán nas necesidades para os centros educativos mosenses. Para elo reuniuse a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, en xullo co Conselleiro Román Rodríguez. Entre ditas necesidades xestionadas atopábanse os desdobres por necesidades docentes no CEIP de Atín, diferentes necesidades de persoal en todos os centros educativos de Mos e a necesidade concreta dunha coidadora a maiores para o CEIP Pena de Francia, específica para unha alumna de 4 anos cun síndrome raro.


Desde a citada xuntanza entre Arévalo e o Conselleiro de Educación, xa se acometeron nos colexios de Mos dúas grandes obras, a obra de implementación da eficiencia enerxética no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos mediante o cambio a tecnoloxía led, e a renovación dos baños do CEIP Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda. O resto de traballos necesarios e acordados entre os representantes local e autonómico continúan a realizarse progresivamente.


Na devandita reunión alcaldesa e Conselleiro marcaron a folla de ruta das necesidades prioritarias nos centros de Mos: a renovación da caldeira do CEIP Atín-Cela que se atopa nestes intres en pleno proceso de instalación, a acometida da renovación dunha pista do patio do Colexio Pena de Francia, a renovación dos baños do CEIP Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda (xa rematada), a mellora da pista deportiva do Colexio de Petelos e, por último, unha obra de implementación da eficiencia enerxética no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos mediante o cambio a tecnoloxía led (xa rematada tamén), para aforro e mellora da calidade lumínica no ximnasio e varias outras zonas do centro.

Así mesmo, durante a xuntanza a alcaldesa tamén lle plantexou ao Conselleiro, futuras obras de maior envergadura nos centros educativos que se levarán a cabo progresivamente e, comezando algunhas, durante o novo curso. Tal é o caso da instalación dun ascensor no CEIP de Atín-Cela. Logo continuarase con outras obras como, no IES de Mos a acometida dun patio cuberto, necesario dado o elevado número de alumnos/as existentes no centro, e no caso do CEIP Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda farase o cambio da carpintería de aluminio.


Neste senso Arévalo, rexedora local mosense, agradece “a colaboración incondicional da Consellería de Educación, e do Conselleiro, Román Rodríguez, co Concello de Mos e cos centros educativos mosenses en particular, nos que leva investido nos últimos anos centos de miles de euros en obras de ampliación, mellora e mantemento nos nosos colexios e Instituto; apoio que se continúa mantendo e que agora se demostra con estas novas melloras e as futuras obras previstas, así como no soporte técnico e docente para as necesidades específicas, particulares e especiais dos centros educativos mosenses” e insistiu na “importancia da colaboración entre institucións para manter no mellor estado as dependencias educativas, favorecendo a maior satisfacción e confort da comunidade escolar, algo fundamental xa que elo revirte directamente nos resultados académicos dos que son o futuro da nosa sociedade”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS