jueves, julio 18, 2024
InicioNewsActualidadeA Xunta destinará 4 millóns para apoiar a transición da automoción cara...

A Xunta destinará 4 millóns para apoiar a transición da automoción cara a mobilidade sustentable

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia ten previsto activar no marco do Plan director da automoción unha segunda liña de axudas para apoiar ao sector na súa transición cara unha mobilidade sustentable. Farao a través da sinatura dun convenio de colaboración entre o Igape e o Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG) para a mellora de equipamentos e instalacións técnicas que permitirán mellorar a competitividade  e o fortalecemento deste sector estratéxico para a comunidade galega. O seu importe ascende a 4 M€ e con eles a Xunta levará activados no que vai de ano un total de 22M€ para atender as necesidades de electrificación.

A conselleira realizou este anuncio no transcurso dunha visita ao Grupo Copo, o maior provedor da industria da automoción na rexión, e a quen agradeceu a súa aposta por Galicia. Cómpre lembrar que Copo conta con 9 plantas de produción entre Galicia, Aragón, Portugal, México, República Checa e Eslovaquia, así como tres centros teconlóxicos de I+D+i, un deles tamén en Galicia. E, ao fío, Lorenzana asegurou que o CTAG é un centro “crucial” para Galicia, para industrias como Copo e “para seguir sendo un centro de atracción para novas empresas”. 

A conselleira de Economía e Industria tamén lembrou que onte se abriu o prazo para solicitar a liña de apoio extraordinario que promove o Igape para o sector e que, cun orzamento de 18M€, busca intensificar a colaboración coa automoción galega potenciando unha cadea de valor dixital, verde e resiliente, capaz de facer fronte aos retos que o sector ten por diante.

A nova liña de axudas, en concorrencia non competitiva, dá resposta ás situacións da industria da automoción de Galicia nesta transición. Para acadar a meta, o programa contribúe a facer fronte aos gastos das empresas este mesmo ano.

Así, para os proxectos de investimentos en equipamentos ou elaboración de proxectos de futuro, as axudas serán do 70%, cun máximo de 300.000 euros. E para actuacións en proxectos de aforro e eficiencia enerxética, os apoios van do 35% ao 55%, en función da tipoloxía de empresa, e ata o 65% para proxectos de enerxías renovables, establecéndose unha axuda máxima de 700.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá activo ata o 31 de outubro no caso dos proxectos de futuro e de investimento en equipamentos, e ata o 2 de setembro para as iniciativas centradas na eficiencia enerxética e nas renovables.

Ademais, a Xunta presentará a vindeira semana o borrador do Plan director da automoción, que recollerá as medidas, mecanismos e medios necesarios para reforzar un sector no que Galicia xa é un referente, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, captar novos investimentos e incrementar o emprego.

Deste xeito, a Xunta reforza a súa aposta por un sector fundamental da economía de Galicia ao representar máis do 13% do PIB, que suma máis de 200 empresas e preto de 25.000 empregos, e que conforma unha das cadeas de valor máis completas de Europa.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES