sábado, julio 27, 2024
InicioNewsComarcasO Porriño entregará o I Premio Antonio Palacios de Honra a Xosé...

O Porriño entregará o I Premio Antonio Palacios de Honra a Xosé Ramón Iglesias Veiga

O Concello do Porriño destacará con estes galardóns as contribucións sobresaíntes nos eidos da Cultura, Empresa, Deporte e Social

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou hoxe a programación coa que o Concello do Porriño celebrará o centenario da súa Casa Consistorial, e o seu prato forte, a convocatoria da primeira edición dos Premios Antonio Palacios.


“Con estes galardóns queremos recoñecer e celebrar as contribucións sobresaíntes nos campos de Cultura, Empresa, Deporte e Compromiso Social”, explicou o rexedor, “Son un testemuño da excelencia e a dedicación de persoas e organizacións que, co seu traballo incansable, enriquecen a nosa sociedade”.


Serán cinco as categorías premiadas e “non só servirán para recoñecer aos/as gañadores/as, senón tamén para inspirar a outros a seguir os seus pasos e destacar logros que xuntos, forxan un futuro máis brillante para todos”.


Pola súa banda, o deputado Jorge Cubela destacou que “para a Deputación, que é a casa dos concellos, é unha honra apoiar a celebración destes premios” e “trasladou a felicitación do Presidente a todos os veciños e veciñas por esta efeméride, por cen anos máis e porque sigamos poñendo en valor a todos os persoeiros que contribuíron a facer máis grande a historia do Porriño e da provincia de Pontevedra”.


A representante autonómica, Ana Ortiz, engadiu que “lembrar a figura de Antonio Palacios é algo ao que todos debemos contribuír. É o arquitecto español máis destacado da primeira metade do século XX e a súa obra é fabulosa, tan só hai que contemplar o marabilloso edificio no que nos atopamos. Palacios soupo conxugar modernidade e tradición”.


O alcalde Alejandro Lorenzo, anunciou tamén que os premios se entregarán o día 15 de xuño, coincidindo co día en que se inaugurou, hai xa un século, a Casa do Concello. O premio será a reproducción dunha das esculturas máis emblemáticas da vila, a que preside a praza Arquitecto Antonio Palacios. “Quero agradecer enormemente a disposición do seu
autor, o escultror Manuel Buciños, a que a súa obra sexa tamén a imaxe destes premios”, afirmou o rexedor.


Tamén anunciou que xa está disponible a nova páxina web https://antoniopalacios.oporrino.org/ onde se pode atopar toda a información sobre a figura e obra do arquitecto porriñés así como unha axenda dos actos conmemorativos do 150 aniversario do seu nacemento e o centenario da Casa Consistorial.

I Premios Antonio Palacios
O Premio Antonio Palacios á Cultura recoñecerá a aqueles que coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as nosas tradicións e fomentan a innovación artística. O Premio Antonio Palacios á Empresa destacará a emprendedores e entidades que non só acadaron o éxito comercial, senón que tamén demostraron un compromiso coa responsabilidade social e o desenvolvemento sustentable. O Premio Antonio Palacios ao Deporte recoñecerá a atletas, equipos e organización deportivas que demostraron excelencia na súa disciplina e promoveron valores como o traballo en equipo, a perseveranza e o xogo limpo. Pola súa banda, o Premio Antonio Palacios ao Social salientará a quenes fixeron contribucións significativas ao benestar da comunidade, exemplos de compromiso cívico que pode xerar cambios positivos.


Por último o Concello do Porriño concederá o Premio Antonio Palacios de
Honor en recoñecemento a toda unha vida. O rexedor, revelou hoxe o nome da primeira persoa que recibirá o galardón: Xosé Ramón Iglesias Veiga.


“Queremos render unha merecida homenaxe a alguén querido e respetado por todos no Porriño, Moncho Iglesias”, anunciou Lorenzo, “Moncho é alguén que deixou unha enorme pegada no noso pobo, non só pola súa faceta de historiador e escritor, tamén pola súa adicación como mestre durante máis de dúas décadas no IES Pino Manso”.


Iglesias Veiga escribiu infinidade de artigos e libros sobre o patrimonio arquitectónico na área de Vigo e fixo un enorme traballo de investigación arredor da figura e obra de Arquitecto Palacios. “O Porriño, a vila á que tanto amou, debíalle unha homenaxe”, concluíu o rexedor.


Programación Centenario da Casa Consistorial
– 09:30 h. I Concurso de Pintura Rápida. Pintando a Palacios
– 12:30 h. Concerto da Agrupación Musical do Porriño
– 19:00 h. Entrega de premios do Concurso de Pintura Rápida.
– Pintando a Palacios
– 21:00 h. Himno Galego a cargo do grupo de gaitas Os Coribantes de
Buchabade
– 21:05 h. Premios Antonio Palacios
– 22:00 h. Actuación Rubén Simeó e Christian Rodríguez
– 22:15 h. Concerto grupo de gaitas Os Coribantes de Buchabade
– Remate: Espectáculo visual

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES