lunes, octubre 14, 2024
InicioA terraMedio AmbienteOs propietarios forestais de Pontevedra ingresan 38 millóns de euros pola venda...

Os propietarios forestais de Pontevedra ingresan 38 millóns de euros pola venda de madeira

O sector confirma a súa estabilidade, pois tralo ciclo alcista de prezos e demanda que se viviu no 2022, o mercado mantivo en 2023 as cifras medias de cortas do periodo 2018-2021

A corta supuxo 1,3 millóns de metros cúbicos, o que representa un 14% da madeira cortada en Galicia. Pontevedra é, xunto con Lugo, a provincia da comunidade que presenta maior equilibrio de cortas entre coníferas e eucaliptos. No caso de Pontevedra, aproveitáronse no 2023 un total de 573.000 metros cúbicos de coníferas e 667.000 de eucalipto.
En consonancia con este escenario, dos 38 millóns de euros que facturaron, 17,7 corresponden a piñeiros, 19,2 millóns a eucaliptos e 1,1 a frondosas caducifolias, que manteñen un aproveitamento industrial residual máis alá do seu uso como leñas domésticas.
No 2023, houbo menores prezos e demanda que o ano anterior, polo que como é lóxico, o volume de cortas reduciuse na provincia no 2023 en torno a un 12% en relación ó 2022, se ben mantivo cifras superiores ás do 2021.

Datos por Distritos Forestais
En coníferas, destaca o distrito forestal de Deza – Tabeirós, con 240.000 metros cúbicos, seguido de Vigo – Baixo Miño con 149.000 metros cúbicos e do de Caldas – O Salnés, con 128.000.

A principal conífera en cortas é o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), en tanto o piñeiro radiata representa arredor dun 10% das cortas e o resto de especies de coníferas, como o piñeiro silvestre, é anecdótica nas cortas provincia.

En eucalipto, destaca Caldas – O Salnés, pois aglutina máis da metade das cortas da especie na provincia, con 351.000 metros cúbicos. En segundo lugar, sitúase o Deza – Tabeirós con 145.000 e en terceiro Vigo – Baixo Miño, con 125.000.

Salvo no Deza, onde se estima un 40% de cortas de eucalipto nitens, a práctica totalidade das cortas dos outros distritos corresponden a eucalipto globulus.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS