lunes, octubre 7, 2024
InicioNewsComarcasA alcaldesa de Mos estuda co Conselleiro de Cultura, José López, importantes...

A alcaldesa de Mos estuda co Conselleiro de Cultura, José López, importantes proxectos para o municipio

Destacan entre eles a terceira fase da rehabilitación da antiga Reitoral de Petelos e a posta en valor do Castro de Torroso

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse onte pola tarde en Santiago de Compostela co Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para tratar sobre diferentes temas de interese para o municipio. Entre eles figuran unha nova edición do festival infantil Canto Conto a celebrar neste ano 2024, a adquisición de material bibliográfico para a nova Biblioteca María Magdalena, un concerto folk para o vindeiro verán e a edición dun libro.


Así mesmo a rexedora local mosense e López Campos abordaron a vindeira Festa da Rosa de Mos, que se celebrará o próximo mes de xuño. Festividade de Interese Turístico de Galicia e sobre a que Arévalo e José López trataron posibles vías de colaboración entra administracións municipal e autonómica.


Conselleiro e alcaldesa tamén debatiron sobre a impermeabilización do edificio Multiusos das Pozas e sobre dúas importantes obras para o patrimonio cultural e histórico do Concello de Mos, que precisarían de apoio autonómico. Tal é o caso da terceira fase da rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos e a posta en valor do Castro de Torroso.


Para a segunda fase da rehabilitación da Reitoral de Petelos a Xunta de Galicia destinou 300.000 euros. Nesta 2ª Fase xa rematada incluiuse a posta en funcionamento de dúas naves. A superficie total rehabilitada suma aproximadamente 225m 2
A antiga Casa Reitoral de Petelos é un dos edificios máis salientables deste concello e un dos máis de 700 bens de interese cultural galegos (BICs).


Por outra banda o Concello de Mos está a traballar nun proxecto de posta en valor do Castro de Torroso, para o que xa se realizou a compra por parte do Concello de terreos a dous particulares.


O Castro de Torroso é un dos xacementos arqueolóxicos castrexos máis antigos de Galicia.

A administración local mosense investiu na compra destes 2.000 metros cadrados preto de
16.500 euros, fixando un prezo de 8,50 euros/metro cadrado.
A superficie total do Castro é moito máis grande pero comezouse a adquisición de terreos
nesta zona por ser onde xa se atopaban feitas as catas desde os anos 80 do século pasado. É dicir, trátase da parte na que as construcións castrexas xa se atopan descubertas e á vista. Estas parcelas corresponden á parte alta do Castro que é a máis cha, accesible e visitable.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS