domingo, abril 28, 2024
InicioO PaísPontevedraCondenado a dous anos de cárcere un profesor dunha academia por bicar...

Condenado a dous anos de cárcere un profesor dunha academia por bicar a unha alumna sen o seu consentimento

Foi a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra a que ditaminou a condena, como autor dun continuado de agresión sexual, por bicar en varias ocasións na boca a unha alumna de 15 anos

Ademais, inhabilitouno para o exercicio da profesión de profesor durante dous anos e impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima, así como de comunicarse con ela por calquera medio, durante tres anos. O tribunal tamén o inhabilitou para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleve contacto regular e directo con persoas menores durante sete anos.

As maxistradas consideran probado na sentenza que o acusado lle enviou á vítima mensaxes de WhatsApp, incluíndo stickers de contido sexual. En setembro de 2019, segundo a resolución, esperouna cunha gominola na boca, á saída do ascensor da academia, “dándolle un bico na boca, sen contar co seu consentimento”. As xuízas aseguran que, noutra ocasión, presentouse no domicilio da menor, ofreceulle un café e uns doces, agarrouna polos ombreiros e, sen contar co seu consentimento, bicouna na boca. A Sala tamén relata que, en novembro de 2019, aproveitando que quedou a soas coa vítima na academia, suxeitoulle a cara e deulle, sen que ela o consistise, dous bicos na boca. E, noutra ocasión, cando o acusado baixaba no ascensor con ela, “suxeitouna contra a parede, e, en contra da súa vontade, bicouna na boca”. Outro día, dentro dese período, e próximo aos anteriores, segundo o tribunal, aproveitou de novo que estaban sós na academia para entrar na aula onde estaba a vítima e, sorpresivamente, bicala na boca, tamén sen o seu consentimento.

A Audiencia Provincial de Pontevedra, desta forma, volveu a emitir sentenza sobre este caso, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulase a súa primeira resolución. A resolución non é firme, pois cabe presentar recurso ante o alto tribunal galego.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES