miércoles, mayo 8, 2024
InicioA terraA nosa culturaOs entroidos de Baiona e Soutomaior, os máis madrugadores

Os entroidos de Baiona e Soutomaior, os máis madrugadores

A vila de Baiona será a primeira do Val Miñor en celebrar o entroido. Adiántase unha semana á data e organiza este sábado, 3 de febreiro, o desfile de comparsas e o tradicional enterro da sardiña.

As comparsas concentraranse na Avenida Urbana de Sabarís, á hora indicada pola organización, para dar comezo ás 17.00 horas ao desfile que discorrerá polas rúas Santa Marta, Monterreal e Elduayen para rematar no Paseo Ribeira. Acto seguido, e mentres delibera o xurado, terá lugar o enterro da sardiña, que rematará na praia.

O Concello de Baiona repartirá un total de 6.500 euros en premios. Por unha banda, establécense primeiro, segundo, terceiro, cuarto e quinto premio, dotados de 900, 650, 500, 400 e 300 euros, respectivamente; e por outra, co importe restante (3750 euros) repartiranse entre as demais comparsas participantes, distribuíndose de acordo co número de compoñentes de cada unha delas.

Por outra banda, esta fin de semana dará comezo tamén o «Entruido de Soutomaior» co desfile de comparsas, mañá sábado 3 de febreiro a partir das 17.30 horas. Un desfile que partirá da rúa Calvario ata chegar a Talo Río. Serán 20 comparsas as que formarán parte desta cita ineludible no calendario do Concello de Soutomaior. Un desfile onde non faltará a comparsa municipal e a comparsa de “Andaina” (asociación de nais e pais de nenas e nenos con diversidade funcional). A partir das 19.30 horas terá lugar a lectura do pregón, a entrega de premios e verbena con Discomóbil Dolcevita na Alameda de Talo Río.
Xa na xornada do domingo a sesión vermú chegará a Talo Río a cargo de Canta nas Croas a partir das 12.30 horas. Unha cita que estará acompañada por un inchable infantil de balde para todas as crianzas e onde ademais, contará coa gastronomía da Polbeira Ruzo do Carballiño.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES