sábado, mayo 4, 2024
InicioComarcasBaixo Miño“Entrega en man” abre a programación de 2024 en Tui

“Entrega en man” abre a programación de 2024 en Tui

A obra represéntase mañá venres, ás 21.00 horas, no Teatro Municipal. As entradas están á venda en tui.gal

Comeza a programación deste 2024 no Teatro Municipal de Tui. Este venres, 2 de febreiro, ás 21.00 horas, Contraproducións representa a comedia “Entrega en man”, unha obra escrita por Martin McDonagh e adaptada e dirixida por Cándido Pazó. Un texto no que o real e o absurdo se atopan falando das cousas pero sen falar. O elenco está formado por Evaristo Calvo, Santi Romay, Diogo Sales e María Roja.

As entradas están á venda en tui.gal ata o propio día ás 20.50 horas aos prezos de 10 e 7,5 euros. Este é o primeiro dos seis espectáculos que forman parte da nova programación do Teatro Municipal nos meses de febreiro e marzo.

Teatro, música e cinema

O vindeiro venres, 9 de febreiro, haberá dúas funcións de “Triscus Beliscus” ás 17.30 horas e ás 19.00 horas, cun aforo limitado a 100 espectadores por función. Vero Rilo e Sonsoles Penadique levan a escena este espectáculo de narración oral e música dirixido a familias con nenos e nenas de 1 a 3 anos. As entradas teñen un prezo de 5 e 3,5 euros.

Roi Borrallas presentará o venres 16 de febreiro, ás 19.00 horas, “Sólo” un espectáculo que recibiu o Premio Feten 2023 á Mellor Interpretación Masculina e o Premio Zirkólina 2022 ao mellor Espectáculo de Pallasos/as. Dirixido a público a partir dos 5 anos, poderemos coñecer coma é un pallaso cando ninguén o ve.  As entradas pódense adquirir xa en tui.gal a 5 e 3,5 euros.

A música abrirá a programación de marzo, o venres 1 ás 19.00 horas,  co concerto “As que máis molan da Gramola” no que  Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Múñoz, A Gramola Gominola, interpretarán unha selección das mellores cancións rockeiras da súa carreira. As entradas están á venda aos prezos de 5 e 3,5 euros.

A proxección de “O Corno” de Jaione Camborda será a cita do venres 8 de marzo, ás 21.00 horas. As entradas pódense adquirir aos prezos de 6 e de 4,5 euros.

Con de tres Pés pechará a programación o venres 15 de marzo, ás 21.00 horas, coa representación de  “Síbaris”. Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa levan a escena a obra teatral póstuma de Domingo Villar. A entradas pódense adquirir aos prezos de 12 e 9 euros.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES