sábado, mayo 4, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTomiño convértese na capital galega de Educación

Tomiño convértese na capital galega de Educación

Será do 5 ao 8 de febreiro durante a celebración da IX Semana da Educación

Tomiño volverá converterse na capital galega da educación durante unha semana o vindeiro mes de febreiro. Será coa celebración da novena edición da Semana da Educación, que cada ano converte a localidade transfronteiriza nun referente no eido educativo coa participación de catro recoñecidos expertos e expertas que abordarán co público cuestións relevantes como a educación afectivo-sexual, a importancia do pensamento crítico na infancia, a humanización da educación ou a relevancia da música no ensino.

Nesta nova edición, o Auditorio de Goián acollerá do 5 ao 8 de febreiro ás 19.00 horas unhas xornadas que baixo o lema ‘Educación ON’ están dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que busquen informarse ou formarse en aspectos relacionados co mundo educativo a diferentes niveis.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño:

A rexedora convida a toda a veciñanza e ás e aos profesionais da educación a asistir a este evento totalmente de balde. As persoas interesadas poden inscribirse xa en todas ou nalgunha das conferencias a través da web municipal.

‘Educación ON’

O encargado de inaugurar a IX Semana da Educación de Tomiño será o mestre e escritor César Bona, que formou parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias e recibou os premios Magister de Honra pola Plataforma da Escola Pública, o Crearte do Ministerio de Cultura e a Cruz José de Calasanz, máxima distinción na educación en Aragón. O luns 5 de febreiro Bona falará sobre ‘Humanizar a Educación’, na que proporá facer as preguntas correctas para avanzar no ensino e na que transmitirá o compromiso social e coa natureza que defende como parte da educación integral do ser humano.

O martes 6 de febreiro tomará o relevo Javier Jurado, docente e investigador, catedrático da Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo e director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical. O musicólogo abordará na súa charla a importancia de ‘Educar na globalidade: contribución da música á formación integral do alumnado’, na que defenderá esta materia como ferramenta de fomento da aprendizaxe e o rendemento, desenvolvendo o pensamento transversal e construíndo persoas máis afectivas, ledas e prudentes.

O mércores 7 de febreiro subirase ao escenario Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, xornalista, publicista e divulgadora científica a través da súa canle de Youtube, na que conta con case 700.000 persoas subscritas. A súa charla versará sobre ‘A importancia de educar no pensamento crítico dende a infancia’, seguindo a liña do seu traballo de divulgación do pensamento analítico, no que tamén desmonta crenzas con vídeos entretidos, educativos e cun toque de humor. Presentadora de programas de temática científica e colaboradora de diferentes medios de comunicación, Rocío Vidal é autora tamén dos libros ‘Que lle dean á ciencia’ e ‘Eureka’. A novena edición da Semana da Educación 2024 baixará o pano o xoves 8 de febreiro da man de Mamen Jiménez, La Psicomami, e a súa charla ‘E de onde veñen os bebés? A educación afectivo-sexual na casa, sen medos… e ata con risas’. Psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella, ilustradora e divulgadora, no 2015 decidiu unir a súa experiencia profesional e maternal nun blog no que con ilustracións cargadas de humor e cotidianeidade fala de esas cousas que lles suceden aos pais e nais. Foi galardoada co Premio Madresfera ao Mellor Blog de Humor 2015 e as súas ilustracións e textos teñen miles de seguidores e seguidoras nas redes sociais

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES