lunes, abril 29, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas remata coa lista de agarda do servizo de atención temperá

Ponteareas remata coa lista de agarda do servizo de atención temperá

Faino ao aumentar a súa capacidade en máis do 25%

O Concello de Ponteareas remata coa lista de agarda do servizo municipal de Atención Temperá ao aumentar a súa capacidade en máis dun 25%. Na actualidade, os profesionais atenden a 40 nenos e nenas que precisan terapias específicas para o seu correcto desenvolvemento e, ao longo desta semana, incorporaranse catro máis. En total, serán 44 usuarios e usuarias fronte aos 35 de anos anteriores.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, concedeu á administración local unha subvención de 144.000 euros. Unha contía que o Concello destinou á mellora da calidade do servizo, incorporando novos traballadores especializados en neuropsicoloxía e en trastornos da linguaxe e da audición.

Os profesionais atenden a nenos e a nenas de ata seis anos do municipio que presentan dificultades relacionadas, na súa meirande parte, con problemas na fala e coa hiperactividade. Toda vez que son diagnosticados polo seu pediatra de referencia e os deriva á Atención Temperá, os especialistas deseñan un conxunto de accións terapéuticas co obxectivo de conseguir a autonomía dos usuarios e das usuarias.

A aposta polo reforzo dos servizos sociais é unha prioridade para o equipo de goberno polo que o Concello, ademais de aumentar o número de prazas dispoñibles en Atención Temperá, redacta agora o proxecto que permitirá dispoñer dunha nova sede no centro Asprodico. Trátase dun espazo adaptado ás necesidades dos nenos e das nenas así como dos seus profesionais e que da resposta as demandas asistenciais. As obras están previstas que se inicien durante a primavera deste ano

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES