sábado, marzo 2, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño inicia as obras da nova aula de estudios

Porriño inicia as obras da nova aula de estudios

- Establecerase un control de acceso, libre e gratuíto para toda a poboación, que funcionará todos os días semana, en horario de mañá e tarde, con reforzo en época de exames

O Concello de Porriño abrirá no mes de outubro a nova aula de estudio, na rúa Antonio Palacios. Os traballos de acondicionamento deste baixo, de 207,65 metros cadrados, próximo á casa consistorial, en pleno casco urbano, deron comezo esta mesma semana e prevense que estean finalizados no prazo dun mes, así o confirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, nunha visita na que comprobou o estado da obra.

O orzamento destinado a esta actuación é de 139.830 euros. O local está actualmente lóbrego, polo que a empresa concesionaria ten que realizar unha serie de obras de adaptación que consistirán na formación das divisións do local interior para dispoñer dunha zona de local multiusos e dous aseos, con todo o que elo supón: pavimentos, albanelaría, carpintería, illamento, pintura…. Ademais deberán executar traballos na fachada, así como as instalacións de fontanería, saneamento, ventilación, climatización e electricidade.

O alcalde explica que “unha vez aberta a aula, instalarase un sistema de acceso libre e gratuíto, controlado mediante tarxeta con porta automatizada. Estará aberta ao público todos os días da semana, en horario de mañá e tarde, e con reforzo en época de exames”.

Recuperación das instalacións da Escola de Música

A actuación beneficiará tamén á Escola Municipal de Música, que volverá ás que foron sempre as súas instalación no centro cívico, na Avenida Domingo Bueno.

Fai tres anos que, por decisión do anterior goberno, todo o alumnado da escola reubicouse en aulas do multiusos de Torneiros, “o lugar menos apropiado para impartir ensinanzas con prácticas musicais, pois o edificio está destinado a accións formativas e de emprego, e o son dos diferentes instrumentos non é compatible coa actividade que alí se realiza, sendo unha molestia para o desenvolvemento dos cursos que se realizan”, explica Lorenzo. Ademais, “estiveron soportando humidades e filtracións de auga sen dar solución algunha ata a chegada do actual goberno, que tramitou con urxencia a súa reparación, que foi efectiva este ano 2023, ao mesmo tempo que se realizarán máis homologacións de aulas para ser destinadas a diversos cursos formativos e viveiro de empresa”.

Dada a situación, “consideramos unha prioridade sacar a Escola de Música do multiusos de Torneiros e que volvera a onde sempre estivo, no centro cívico de Porriño, sacando así o máximo partido a ambas instalacións”.

Consecuentemente, a aula de estudio localizada no centro cívico debía trasladarse a outro lugar, de aí a idea de habilitar este novo espazo. “Un servizo que mantemos e melloramos, trasladándoo agora a este novo local, con dobre acceso, un dende o número 8 da rúa Antonio Palacios e outro dende a zona axardinada traseira, que pasará a formar parte do gran parque e zona verde que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios”, sinala o alcalde.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES