viernes, mayo 17, 2024
InicioA terraMedio AmbienteA Xunta executa metade das tarefas do proxecto de restauración ambiental de...

A Xunta executa metade das tarefas do proxecto de restauración ambiental de 33 km no Río Lérez, investindo case 350.000 €

- Ángeles Vázquez avanza que desde o verán pasado xa se interveu en case 16 km e que as principais actuacións consisten en eliminar mimosas e falsas acacias, especies invasoras, e na plantación de bidueiros e ameneiros en zonas sensibles da ribeira

A Xunta de Galicia xa completou a metade dos traballos de restauración ambiental sobre un tramo de 33 quilómetros do río Lérez e as súas correspondentes marxes, actuación que se iniciou o verán pasado e que conta cun investimento total previsto de preto de 350.000 euros.

Así o avanzou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a unha das zonas fluviais nas que se está a intervir actualmente, localizada no municipio de Campo Lameiro.

Acompañada do alcalde, Carlos Costa, a responsable autonómica achegouse ata a illa do Pego, que, segundo os técnicos, antes da intervención estaba colonizada por mimosas nun 80%. Como solución, planificouse unha actuación sobre unha hectárea de superficie e aínda que os traballos non están rematados, xa se eliminaron 1.215 exemplares desta invasora mediante a aplicación dunha técnica especial —a de escascado— que provoca o secado e a morte da planta sen necesidade de aplicar fitocidas.

A erradicación de mimosas e de falsas acacias (outra especie invasora abundante na zona) é unha das principais actuacións que se acometeu nos últimos meses, traballos fundamentais para garantir a restauración do bosque de ribeira orixinal.

De feito, tras a eliminación destas plantas invasoras na illa do Pego estase a proceder xa á plantación de árbores autóctonas, —concretamente ameneiros e bidueiros procedentes do viveiro da Escola de Capacitación Forestal de Lourizán— en puntos sensibles localizados nas marxes do río co fin de evitar, na medida do posible, os efectos negativos de eventuais riadas sobre as zonas de ribeira.

Tras indicar que a previsión é que os traballos sobre os 33 quilómetros de río se poidan completar no outono do vindeiro ano, a vicepresidenta subliñou a importancia para os tres concellos polo que discorren —Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Pontevedra— desta intervención, enmarcada no proxecto Mil Ríos e que, recordou, puxo en marcha en 2022 o seu departamento grazas aos fondos europeos do programa Next Generation.

Cun orzamento global de 5 millóns de euros para o período 2022-2024, Ángeles Vázquez explicou que se trata dun plan de actuación integral para mellorar o estado ecolóxico e a adaptación ante o cambio climático de medio cento de ríos e zonas húmidas de Galicia, coa previsión de actuar sobre ao redor de 470 quilómetros.

O proxecto está dividido en tres liñas de actuación diferenciadas, sendo a principal a destinada á recuperación, restauración e mellora da resiliencia das marxes en tramos fluviais en 16 ríos galegos —4 por provincia—, incluída a intervención que se está executando no Lérez.

Dos 4 millóns de euros de investimento reservados a esta liña, xa foron executados a metade e ata o momento se completaron os labores de restauración de 74,2 quilómetros fluviais —28,77 km só na provincia de Pontevedra—, ademais de recuperar 262 hectáreas—109,53 hectáreas nas marxes de ríos pontevedreses— con medidas que inciden de forma positiva sobre a biodiversidade, a conectividade ecolóxica e a resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático destes espazos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES