lunes, octubre 7, 2024
InicioNewsA RaiaA arte asolagará a eurociudade Cerveira-Tomiño este domingo

A arte asolagará a eurociudade Cerveira-Tomiño este domingo

- Máis de 50 persoas participan no certame, que se celebrará simultaneamente nas vilas fronteirizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira

O certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández chega á súa undécima edición este domingo e faino, como cada ano, convocando a máis de medio cento de artistas para pintar en vivo as paisaxes miñotas de Goián e Cerveira. Unha actividade única na que os lenzos e os cabaletes toman as rúas e camiños destas dúas localidades para que decenas de artistas pinten simultaneamente desde as dúas beiras do Miño.

O certame celebrarase este domingo, e nel participan os artistas previamente inscritos nalgunha das tres categorías: adultos, xuvenil (de 13 a 17 anos) e infantil (de 6 a 12 anos). O tema será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano, e cada participante inscrito recibirá un mapa coa zona na que debe pintar. O procedemento e a técnica serán libres.

A obra realizarase in situ, ao aire libre, e do natural (non se permite a utilización de fotografías). As persoas inscritas deben presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián (Tomiño), co obxecto de que a organización sele e numere o soporte.

O fallo emitirase o domingo ás 18.30 horas (17.30 horas en Portugal) e repartiranse máis de 2.600 euros en premios entre as tres categorías. O Certame de Pintura Antonio Fernández conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS