martes, diciembre 3, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTomiño esixe a Xunta a reapertura do centro médico de Goián e...

Tomiño esixe a Xunta a reapertura do centro médico de Goián e reclama 18.500 euros

- O Concello de Tomiño adecuou en marzo un novo inmoble para o consultorio médico, no que xa leva gastados 18.500 euros, pero nin o Sergas nin a Xunta se pronunciaron sobre a súa reapertura

O Pleno do Concello de Tomiño aprobou onte por unanimidade unha moción pola que se lle esixirá á Xunta de Galicia a reposición inmediata do servizo médico de Goián, que leva tres anos co seu consultorio de atención primaria pechado.

O consultorio de Goián foi pechado durante a crise da COVID-19, e trasladouse o seu servizo ao Centro de Saúde de Tomiño. Posteriormente, comunicóuselle ao Concello de Tomiño a necesidade de atopar un novo inmoble que cumprise cos parámetros da nova guía de protocolos da pandemia. O Concello alugou e acondicionou un novo local seguindo os parámetros do Sergas, e púxoo a disposición da Xerencia da Área Sanitaria Vigo-Tui en marzo deste ano.

Desde o mes de marzo, nin o Sergas nin a Xunta se comunicaron co Concello sobre este tema, nin responderon ás diversas chamadas e escritos remitidos desde Tomiño, expoñendo a necesidade de poñer en funcionamento o consultorio de Goián no menor tempo posible.

Polo momento, o Concello de Tomiño leva gastados 18.500 euros en concepto de reformas, alugueiro e suministros do inmoble en Goián que non está operativo. Un dos puntos do acordo foi reclamar á Xunta de Galicia os gastos nos que incurriu o Concello en poñer o inmoble en funcionamento, sen que sirva aínda de consultorio médico. Porén, o PP opúxose a este e fixo un voto particular en contra de facer esta reclamación de gastos á Xunta de Galicia.

Desde o Concello existe unha gran preocupación pola cobertura deste servizo de atención primaria, que se suma á falta de persoal no Centro de Saúde de Tomiño, no que non se cobren nin as vacacións nin as baixas médicas do persoal médico. Todo isto conleva a saturación do centro de Saúde e grandes problemas para os veciños e veciñas, que ven minguar un servizo tan fundamental como é a atención médica primaria. Por iso, a moción aprobada onte tamén inclúe a esixencia de que o Sergas substitúa ao persoal sanitario e administrativo de baixa ou de vacacións no Centro de Saúde de Tomiño.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS