martes, junio 25, 2024
InicioNewsRueda anuncia que a restauración do Pazo de Lourizán supoñerá o seu...

Rueda anuncia que a restauración do Pazo de Lourizán supoñerá o seu rexurdimento

- Resaltou que o obxectivo é impulsar este recinto desde o punto de vista cultural, académico, paisaxístico e turístico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os labores de restauración e deseño de novos usos e actividades do Pazo de Lourizán que vai levar a cabo a Xunta impulsarán o rexurdimento dunhas instalacións cun amplo valor histórico e ambiental.. Durante unha visita a este inmoble pontevedrés, Rueda resaltou que se van destinar 18 millóns de euros a actuacións de mellora.

“O rexurdimento definitivo de Lourizán comeza hoxe”, aseverou o mandatario galego, quen avanzou que, unha vez concluído o traspaso de titularidade da Deputación de Pontevedra ao Goberno autonómico, o obxectivo é impulsar o complexo de Lourizán desde o punto de vista académico e cultural, pero tamén social, recreativo, paisaxístico e turístico.

Para iso, adiantou que se vai acometer a restauración “necesaria e rigorosa” do edificio principal do Pazo, así como dos itinerarios e instalacións do xardín botánico, “un tesouro como hai poucos en España e Europa”, enxalzou. Ademais, construirase unha sala polivalente de madeira nun novo inmoble de madeira e ábrese a posibilidade de albergar establecementos de aloxamento turístico ou restauración en parte das instalacións.

Pero ademais, Rueda apuntou que o proxecto da Xunta busca consolidar Lourizán coma un centro de estudo, investigación e divulgación forestal. Tal e como explicou, o obxectivo é que este sexa un lugar de referencia para formarse en materia forestal e tamén un punto de encontro entre todos os axentes públicos e privados deste eido.

Precisamente, o presidente da Xunta precisou que este mesmo ano vaise seleccionar a proposta gañadora do concurso de ideas sobre os novos usos e actividades de Lourizán. No primeiro trimestre do ano que vén comezarase a elaboración do proxecto elixido coa previsión de poder comezar as obras xa en 2024.

Valor histórico e ambiental

Durante a visita, na que estivo acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, Rueda defendeu darlle un “sentido histórico, cultural, turístico e paisaxístico” ao Pazo de Lourizán, e amosouse convencido de que estas actuacións “vanlle dar vida” non só ao complexo, senón a toda contorna de Pontevedra, á vez que espertar o interese “de toda Galicia e España”.

Hai que lembrar o amplo valor histórico do Pazo -que está incluído no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e no que en 1898 asinouse o Tratado de París cando o inmoble era propiedade de Eugenio Montero Ríos- así como seu valor natural xa que a finca alberga innumerables especies de plantas e árbores, algúns plantadas no século XIX.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES