martes, mayo 21, 2024
InicioActualidadeCulturaO Curro do Pedroso volve a Cañiza o vindeiro 6 de agosto

O Curro do Pedroso volve a Cañiza o vindeiro 6 de agosto

- Unha celebración que despois de 12 anos recupera e organiza A ASOCIACIÓN CABALAR PEDROSO DE RIBADIL, no monte que lle da nome

Un evento no que cañicenses e visitantes poderán gozar da baixada en multitude dos animais cara ao val para o seu acorralamento, saneamento, colocación de microchips e marcaxe a lume das eguas, das transaccións comerciais dos gandeiros, gastronomía, música tradicional e moito máis. Un inesquecible día de romaría e festa e un espectáculo de colorido e bravura propio da nosa rexión.

Unha experiencia que, segundo manifestaron na presentación de hoxe os membros da directiva da Asociación “ queren converter nunha xornada vibrante e emocionante capaz de revivir esta prezada tradición do noso patrimonio cultural”. “Unha festa onde se mesturarán e recuperarán historia e tradición, sempre conservando o medio ambiente e respectando a natureza.”  A celebración desta nova edición do Curro ten tamén un grande compoñente afectivo segundo comentaron dende a organización xa que “pretendemos render tamén unha merecida homenaxe aos nosos avós e aos nosos pais que nos inculcaron estas costumes. Unha tradición que nos brinda un sentido de pertenza e nos conecta con xeracións pasadas e futuras”.

O Alcalde Luis Piña felicitou a toda a directiva e a todos os veciños e veciñas e colaboradores que xuntos volverán a recuperar esta festa tradicional que viña celebrándose na Cañiza dende o primeiro domingo de agosto do ano 1994 e que se concebiu para sanear e identificar aos animais e tamén como  “un instrumento de reunión onde puidesen gozar do máis puro enxebrismo da nosa terra, converténdose nun día de Romaría para todos”.

Con estas palabras organizadores e Alcalde presentaron o CURRO do PEDROSO que se celebrará, mantendo a tradición, o 1º domingo de agosto, neste caso o 6 de agosto, nunha intensa xornada que comeza xa ás 7 da mañá coa subida ao Curro, coordinación dos equipos e saída á busca dos rabaños.

Ás 10h abrirase o photocall e a partires das 11h comezará a sesión vermú, con música tradicional galega que nos acompañará durante toda a xornada.

Así chegamos as 12h en que está prevista a baixada das Bestas ao CURRO, un dos momentos máis intensos e fermosos desta celebración, co descenso dos cabalos, eguas e potros, desde os montes do Faro, Chans da Cañiza e Laxa Moura. Toda a cabalería ten como destino o cercado do Curro, situado nun enclave natural de excepción pola súa beleza paisaxística.

A partires das 13h os que desexen comer neste enclave poderán degustar comida tradicional galega con churrasco, chourizos, polbo á feira, doces,  servizo de bar e moito máis, a prezos populares.

SORPRESAS E AGASALLOS, DARÁN PASO A OUTRO DOS MOMENTOS VIVOS DO EVENTO.

Ás 15h comeza o manexo das bestas, desparasitación externa e interna os animais, identificación, marcaxe e colocación de microchip, vacinación e tamén venda de potros. A verdadeira esencia do CURRO.

Despois da solta das bestas, prevista para ás 19h, comezará a animación con baile popular e ás 20h unha gran chocolatada de despedida.

Ao Curro do Pedroso accédese por un ramal da estrada N-120 de Vigo a Logroño, próximo aos edificios Rebeca, e aínda que parte dos accesos son de terra atópanse en boas condicións.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES