lunes, mayo 20, 2024
InicioActualidadeCulturaO poeta Alfonso Pexegueiro dá o inicio á VII Feira do Libro...

O poeta Alfonso Pexegueiro dá o inicio á VII Feira do Libro de Ponteareas

- “Cando a poesía caeume enriba coma un lóstrego descubrín a riqueza da linguaxe e da vida e aprendín a ver o mundo cos seus ollos. Eu fun medrando ao seu carón entre os recunchos de Ponteareas”, resaltou o escritor

“O corazón gabea e observa, pero a vida morre porque o poema foi roto na mirada do neno”. Con estas verbas comezaba o poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro o pregón que daba o pistoletazo de saída á sétima edición da Feira do Libro de Ponteareas, un evento que durante catro días encherá as rúas e xardíns da vila do mellor ambiente literario.


“Son catro días nos que poñer en valor o labor que fan as librerías día a día, nos
que gozar de actividades emocionantes e enriquecedoras e compartir a nosa paixón
pola literatura. Pero esta feira anual é tamén un espazo no que descubrir novas
historias, explorar diferentes xéneros e expandir os nosos horizontes”, salientou a
alcaldesa, Nava Castro, durante o acto inaugural, no que estivo acompañada polo
Director Xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; pola representante da Federación
de Librarías de Galicia, Teresa Márquez; e por membros da Corporación municipal.


Unha paixón pola palabra que comparte o pregoeiro, un dos poetas máis influíntes
da súa xeración, rupturista e inconformista como poucos, que despegou o seu
percorrido literario coa publicación en 1976 de ‘Seraogna’, o nome do seu Angoares
natal ao revés, co que rachou de xeito contundente coa tradición galega para abrir
as portas a estilos máis universais.


“Con este libro non estaba publicando un poemario, senón construíndo un mundo,
unha mitoloxía, un universo que ía máis alá de Angoares e do Cabalón, ponte na
que está a casa dos soños, soños que non se quedan na aldea, senón que
expanden por todo o mundo da man de quen conta todo”, explicou Pexegueiro.


O autor rememorou sentimentos da súa infancia e da súa relación coa poesía e a
literatura xa que, como sinalou, “cando a poesía caeume enriba como un lóstrego,

descubrín a riqueza da linguaxe e da vida e aprendín a ver o mundo cos seus ollos.
Eu fun medrando ao seu carón entre os recunchos de Ponteareas”.


Para Pexegueiro, “a cultura en xeral e a literatura en particular manifesta que a vida
real exterior mestúrase coa vida real interior e ambas as dúas configúrannos como
seres humanos. Neses espazos constrúese a literatura, crea unha forma, unha
arquitectura interior”. “O libro ten vida, ten alma, ten verdade, ten luz, ten horizonte,
ten sentimentos, ten lúa… porque nos libros concéntranse os soños do universo. E é
que sen soños non hai realidade que nos tranquilice nin progreso posible”, resaltou.


“O libro vivirá o que vivan os soños no ser humano. Debemos protexelo e coidalo, o
mesmo que el nos protexe e coida a nós. Por iso quero reivindicar na Feira do Libro
de Ponteareas algo fundamental para a nosa vida, o entusiasmo pola lectura e pola
vida. Hoxe reivindico a poesía como unha forma de autoridade social, porque
sempre nos salva, ata no imposible. De aí a importancia da literatura, da esperanza
e do soño”, concluíu.


A inauguración desta sétima edición da Feira do Libro de Ponteareas contou coa
participación do Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quen
resaltou a importancia de formatos como o deste evento, que “dá a oportunidade de
falar con editores, autores e autoras, ilustradores e ilustradoras… pero que tamén
nos permite vivir os libros como punto de encontro, como elemento de refuxio e de
esparexemento”.


Pola súa banda, Teresa Márquez, representante da Federación de Librarías de
Galicia, salientou a relevancia da Feira do Libro como punto de partida “para
transmitir emocións, coñecementos ou ideas que poidan transformar a sociedade”.
Durante o acto nos Xardíns da Xiralda as autoridades, pregoeiro e público
descubriron unha placa dedicada a figuras senlleiras de Ponteareas, nesta ocasión
na honra do propio Alfonso Pexegueiro.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES