martes, mayo 21, 2024
InicioNewsO PaísAlfonso Rueda remodela o goberno galego

Alfonso Rueda remodela o goberno galego

Este 14 de xuño o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, firmará o decreto de nomeamento de novos conselleiros, obrigado en principio pola inclusión nas listas do PP para o Congreso de Francisco Conde, que é número 1 por Lugo.

Diego Calvo, ata este momento vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, pasará a ocupar a Vicepresidencia primeira coas mesmas carteiras das que xa dispoñía.

Para a Vicepresidencia segunda, que abandona o ex presidente do PP na provincia da Coruña, Alfonso Rueda designou a Ángeles Vázquez. A exalcaldesa de Melide, do mesmo xeito que Calvo, manterá as carteiras das que está ao cargo desde 2018, as de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

María Jesús Lorenzana será quen se faga cargo de Economía, Industria e Innovación. Carteiras das que Francisco Conde era titular ata o día de hoxe. A coruñesa era desde 2020 conselleira de Emprego e Igualdade.

A súa carteira será para Elena Rivo, a que foi tenente de alcalde do Concello de Ourense entre 2003 e 2007 cando Manuel Cabezas era rexedor da cidade. Ata este momento, Rivo era vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

No novo goberno non estará Rosa Quintana. A brionesa que se fixo cargo do departamento de Mar desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo a San Caetano en 2009, será número dous na lista dos populares por Ourense.

A partir de agora o encargado da consellería do Mar será Alfonso Villares, alcalde do concello de Cervo (Lugo) desde 2007 e que tamén ocupou o cargo de vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O resto de consellerías terán o mesmo titular que ata o momento, sen producirse cambios tampouco no número de carteiras.

O presidente da Xunta quixo facer este martes un recoñecemente especial a Rosa Quintana e Francisco Conde e dixo que “Paco e Rosa foron durante anos impulsores dalgunhas das mellores políticas para Galicia. Pero, por riba de todo, Paco e Rosa foron os meus compañeiros e amigos nas boas e nas non tan boas. A galegos excepcionais como eles iralles ben en calquera destino. Grazas por tanto”.

 “Compromiso, traballo e ilusión cun só obxectivo: seguir mellorando a vida de todos os galegos. Adiante!”, sinalou Rueda o referirse o novo executivo.

Organigrama goberno galego
ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES