A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, visitou os traballos nos camiños de Pantaño e Maravillas.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e os técnicos municipais, Raquel González e Ramón Vega, visitaron a pasada semana os traballos de asfaltado do Camiño de Pantaño, parroquia de Louredo e do Camiño das Maravillas, na parroquia de Mos, que mide 740 metros e no que estes días lévanse tamén a cabo labores de reposición do firme.
Arévalo e Augusto informaron a este respecto de que ata final deste ano asfáltanse no termo municipal un total de 12 camiños e de que Mos rematará o ano con 20 asfaltados acometidos dentro do seu Plan Anual Municipal (incluídos estes últimos 12) e preto de 12 quilómetros asfaltados en total durante 2022.
Os camiños que se asfaltan desde agora ata fin de ano son 12 en total cunha inversión de preto de 400.000 euros.
A mellora do Camiño de Pantaño finánciao a Xunta de Galicia, cun importe de 60.436,21 euros, e os outros 11 realízanse con fondos propios municipais investindo o Concello un total de 329.764,82 euros.
As melloras de pavimentacións que realiza o propio Concello son as do Camiño Crasto (Guizán), Camiño das Maravillas (Mos), Estrada Olegario Rodríguez Pérez (Cela), Camiño das Escolas (Dornelas), Camiño dos Castros (Dornelas), Camiño Casal Vello (Tameiga) Camiño os do López (Sanguiñeda),Camiño Salgada (Sanguiñeda), Camiño Nogueiras (Sanguiñeda), Camiño Moroto (Sanguiñeda) e Camiño Piñeiro (Sanguiñeda).
A realización da mellora da pavimentación dos camiños municipais supón a mellora da seguridade viaria nos mesmos. As obras inclúen actuacións previas como desbroce lateral e limpeza de cunetas.
Os traballos de firmes e pavimentos consisten na rehabilitación dos mesmos, acordes coa instrución de Estradas do Ministerio de Fomento.
As obras realizadas son: regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto, adoptándose en función do estado no que se atope cada un dos camiños, entorno ao 20 e o 30 % da superficie total. Recrecido: consiste na extensión dunha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, tipo formigón bituminoso de 5 cm de espesor, con áridos de desgaste, estendida e compactada. Previa a extensión de dita capa, realízase unha limpeza e barrido da superficie, para a posterior aplicación do rego de adherencia con emulsión asfáltica. Obras adicionais: as obras adicionais son as necesarias para realizar actuacións que non están englobadas na pavimentación, pero que son imprescindibles para que a obra quede perfectamente rematada e garantir totalmente a seguridade viaria. Como obras adicionais considéranse o recrecido das tapas das arquetas e dos pozos e o arranxo das beiravías. Ademais tamén se realizará o pintado dos camiños para mellorar a seguridade viaria.