sábado, junio 15, 2024
InicioComarcasLouriñaMos inviste 20.000 euros na compra dos terreos dun dos castros máis...

Mos inviste 20.000 euros na compra dos terreos dun dos castros máis antigos de Galicia

Trátase do Castro de Torroso para o cal xa solicitou o pertinente permiso a Patrimonio e atópase localizando aos propietarios para a compra das parcelas e posterior posta en valor

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron hoxe de que o orzamento municipal para o vindeiro ano 2023 inclúe unha partida de 20.000 euros para a compra dos terreos do Castro de Torroso, dos que tamén se realizará o ano que vén a contratación da limpeza dos devanditos terreos. Os representantes municipais, Arévalo e Costas, explicaron que a limpeza farase con fondos propios municipais e que xa se pediu o pertinente permiso para a súa realización á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.
Os terreos a limpar inicialmente serán os do primeiro anel (1ª fase de compra de terreos) que se queren adquirir por parte do Concello, comprándollos aos propietarios para poder proceder de seguido á posta en valor do Castro. Para elo, e unha vez finalizados os labores de limpeza, localizaranse os marcos e a todos particulares propietarios que faltan por localizar para tentar chegar a un acordo para proceder á compra para a cal hai destinada una partida de 20.000 euros
A tarefa de procura de particulares xa se atopa, por outra banda, bastante avanzada, coa maioría deles localizados e outros en investigación, por descoñecerse o titular dalgunhas das parcelas. Para elo, desde a concellería de Medio Ambiente Sostible lévase xa un ano de traballo a este respecto.
No verán de 2020 instalouse no Castro de Torroso unha nova sinalización para favorecer o seu coñecemento e divulgación. Instalación que foi proxectada, supervisada e dirixida polo arqueólogo Alberte Reboreda xunto co arquitecto municipal. Trátase de paneis interpretativos nas inmediacións do Castro a fin de poñelo en valor e favorecer o seu coñecemento e divulgación entre a poboación en xeral e, en particular, entre os estudantes do IES de Mos, situado nas proximidades do xacemento.

O Castro de Torroso é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Na primavera do ano 1983 descubriuse fortuitamente un xacemento en Torroso, moi preto do límite con Petelos, logo de que os temporais do inverno deixasen ao descuberto fragmentos cerámicos. As características morfolóxicas e técnicas destes vestixios motivaron o inicio dunha serie de escavacións, levadas a cabo entre 1984 e 1990 por Antonio de la Peña Santos, nas que se puido comprobar que se trataba dun xacemento castrexo.

Os paneis interpretativos instalados para sinalizar o Castro de Torroso explican que é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Conta cunha extensión dunhas 2,8 ha e unha altura máxima de 137 metros que lle permiten dominar uns terreos moi aptos para o aproveitamento agrícola e forestal.

Ao nordeste desta aldea fortificada prehistórica corre un regato que lle proporcionaba auga e pesca, ao igual que o río Louro, que flúe a 1,7 km do xacemento polo leste. Este río discorre ao longo dunha parte da Depresión Meridiana, unha grande fractura xeolóxica natural que une Tui con Padrón e que constitúe un lugar de paso natural privilexiado para o tránsito de persoas e mercadorías.

O Castro de Torroso no Museo de Pontevedra
O Castro de Torroso é un dos máis antigos de Galicia, xa que data do século VII A.C. No Museo de Pontevedra gárdanse todos os obxectos que se exhumaron ao longo das campañas que se desenvolveron no xacemento entre 1984 e 1990 baixo a dirección do arqueólogo Antonio de la Peña: restos cerámicos, fragmentos de metais (adornos persoais de bronce e prata, fouces e armas de ferro), así como de diferentes útiles líticos (pedras de afiar, etc…). O coñecido como Castro de Torroso destaca por ser unha aldea fortificada que se levantou na transición entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro, alá polo s. VII antes de Cristo. Neste momento os grupos humanos, escollen os outeiros para edificar as súas aldeas, que fortifican co obxecto de mellorar as súas defensas, o que fai pensar aos arqueólogos que a convivencia entre comunidades e a explotación dos recursos do territorio (gando, terra, minas…) é causa dunha crecente de desigualdade e conflitividade social. Por iso o sector suroeste do poboado, o que conta cunhas defensas naturais máis febles, presenta un sistema defensivo realizado polo ser humano composto por tres fosos concéntricos complementados cos seus respectivos parapetos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES