miércoles, mayo 8, 2024
InicioComarcasLouriñaA previa de Cans comeza coa retrospectiva de João Nicolau

A previa de Cans comeza coa retrospectiva de João Nicolau

Os pases das súas longametraxes serán este xoves, venres e sábado no Centro Cultural do Porriño, con entrada de balde ata completar cabida.

A XIX edición do Festival de Cans, que se celebra do 17 ao 21 de maio, quenta motores co inicio, mañá xoves, das proxeccións da retrospectiva internacional que este ano protagoniza o realizador lisboeta João Nicolau, un dos representantes máis destacados do novo cinema portugués. A previa, que inclúe as súas tres longametraxes ata o momento, celebrarase no Centro Cultural do Porriño, cedido polo Concello, con entrada libre ata completar capacidade.
O director luso acompañará vía streaming a primeira das proxeccións, este xoves, 12 de maio, ás 20.00 horas, para dirixirse ao público antes do visionado de “A espada e a rosa”, a súa primeira longametraxe, unha historia fantástica de aventuras e piratas no século XXI, nominada dentro da sección oficial do prestixioso Festival de Cine Independente de Bos Aires (BAFICI).
O venres ás 21.00 horas será o pase de “John From”, mellor película en Filmadrid e Novos Cinemas no 2016, na que aborda a iniciación á idade adulta dunha moza soñadora e entrometida, que se namora do seu novo veciño, un misterioso fotógrafo.
A retrospectiva de longametraxes de Nicolau previa ao festival rematará coa proxección, este sábado ás 12.00 horas, de “Technoboss”, unha excéntrica película sobre a música interior dun oficinista enfastiado, coa que Nicolau competiu en Locarno e levou o Premio Especial do Xurado en Sevilla no 2019.
Trala previa esta fin de semana das súas tres longametraxes, o festival contará coa presenza de Nicolau o venres 20 para participar no coloquio de Café con CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización, e presentar a retrospectiva das súas curtametraxes.

Venda de entradas
Esgotadas as entradas de tarde da sección oficial de ficción e animación, quedan á venda as últimas para a sesión matinal e as da sección Furacáns, de curtas de non ficción a concurso. Para vivir a experiencia do Invernadoiro, e logo de colgar o cartel de completo para a proxección do documental de Óscar Vilanova sobre Litus e a actuación deste con Pablo Novoa, quedan xa moi poucos boletos dispoñibles na tenda en liña do festival https://tenda.festivaldecans.com/ para a retrospectiva audiovisual e performance musical de Javi Álvarez, do dúo Fluzo, que actuará o sábado 21 nese espazo tan singular

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES