viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaA mosense Verónica Romero, na maratón máis peculiar do mundo

A mosense Verónica Romero, na maratón máis peculiar do mundo

Participou a pasada fin de semana en Castro Caldelas, onde era a única muller entre os 12 corredores

Veronica RomeroA polifacética deportista mosense Verónica Romero participou o sábado pasado, 23 de abril, en Castro Caldelas (Ourense) na “The Caldelas Marathons”.
Trátase dunha réplica dunha carreira que se fai en EEUU, deseñada por Lázarus Lake. Non é unha carreira ao uso, trátase de poñer a proba os límites físicos e mentais do ser humano.
Romero asegura que “ten moitas diferenzas con calquera carreira das que fixen antes: a primeira é a inscrición, que ademais de ter que atopar o email onde enviala pedíronnos unha matrícula de vehículo (o que levase a máis antiga evitaría buscar un dos libros agochados), eu levei unha co nome do meu Concello: Mos”.
Trátase de buscar 22 libros polos lugares máis abruptos e recónditos nunca pisados polo ser humano en Castro Caldelas. Os organizadores deseñan un percorrido monte a través equivalente á distancia dunha maratón con moito desnivel positivo/negativo e hai que conseguir completar o anel en 13.20 horas, se o consegues a por o seguinte anel.
Gaña a persoa que consiga facer 5 aneis en 60 horas. Ás 22.00 horas do venres 22 de abril déronse cita 11 mozos e Vero Romero (única muller participante), na que foi unha noite chuviosa e fría.
A carreira daría comezo cando soase unha gaita (en EEUU unha corneta). “Outra das excentricidades da proba é que non hai hora de saída, así que pasas a noite en vela, non vaia a ser que quedes durmida e non te decates. Ás 06.59 do sábado, día de San Jorge (casualidade peculiar para buscar libros polo monte) soa a gaita, dannos o mapa e empeza a aventura. Sei que estou a rivalizar con homes curtidos en mil batallas fortes como touros! pero a medida que van pasando as horas (sen eu sabelo) van caendo algúns corredores, quedamos 5 mozos e eu ata que o reloxo indícanos que é imposible completar o anel en tempo e non queda outra que retirarnos”, explica Verónica.
Sen embargo asegura que “estou moi orgullosa de todos os meus negróns, rasguños e dores, participei na maratón máis dura do mundo, pero agora teño unha conta pendente porque non me gusta deixar nada sen terminar e se a saúde me acompaña volverei”.
A mosense rematou felicitando “a Luís Rodríguez e Manuel Rolán polas súas mentes malévolas que deseñaron un percorrido inexpugnable. Tan inexpugnable que esta vez gañoulle a carreira ao corredor».

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES