viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasO CondadoO sector vinícola triunfa na II Gala de Calidade turística Condado Paradanta

O sector vinícola triunfa na II Gala de Calidade turística Condado Paradanta

Tres sectores das comarcas como o de vinícola, o de aloxamentos turísticos e o dos restaurantes foron os máis representados na II Gala de Calidade Turística Condado Paradanta.

O sector enolóxico foi un dos que recibiu máis distincións SICTED durante II Gala de Calidade Turística Condado Paradanta, que se celebrou este luns, 7 de marzo, no Balneario de Mondariz.

Ao acto, organizado polo GDR Condado Paradanta, acudiron representantes de diversas administracións públicas como a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, María Nava Castro Domínguez, o Subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da AGADER, Moisés Blanco, e as Alcaldesas e Alcaldes dos dez concellos que constitúen este Xeodestino; Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño así como representantes do tecido socieconómico do territorio.

Durante a gala entregáronse os distintivos SICTED a 20 das 46 empresas que contan con este certificado, 11 recibírono por primeira vez e 9 renovaron ciclo. Das 20 distinguidas, 6 pertencen ao sector vinícola e 5 corresponden a establecementos de aloxamento turísticos (casa rurais, Hoteis e apartamentos turísticos e vivendas de uso turístico). Segundo destacou o presidente do GDR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo “Isto é un indicativo máis da calidade do sector enogastronómico do xeodestino, así como da gran oferta de aloxamentos dispoñibles no territorio. O máis relevante da situación é a posibilidade de ofrecer ao visitante produtos turísticos únicos que combinen diferentes experiencias que poden ir dende a enogastronomía ata numerosas propostas de turismo activo”.

As empresas distinguidas

A certificación SICTED, é un proxecto promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que ten como obxectivo mellorar a experiencia e satisfacción do turista. Con este distintivo, de validez bienal, recoñécese o esforzo e o compromiso coa calidade dos servizos turísticos do xeodestino Condado Paradanta.

Na segunda edición da Gala de Calidade Turística recibiron a distinción por vez primeira os restaurantes: A Casa da Triga, Casa Rivero e O Castelo. Tamén se distinguiu Galician Brew S.L., fábrica de cervexa artesanal, e as empresas de aloxamento, Hotel la Rectoral, Quinta do Souto a Finca Briaví. Entregouse ademais a distinción á Oficina Municipal de Turismo Mondariz Balneario, a Pazo Pegullal e á axencias de viaxes, Salvaturismo Galicia e ao Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra de Miño.

Na mesma xornada renovaron o seu certificado as adegas: María Bargiela, As Laxas, La Val e Señorío Rubiós. Tamén renovaron a distinción os aloxamentos rurais: A Coastine, Casa María Bargiela e Casa Uma, así como a Xanela Gastronómica e Celtic ways (empresa de guías turísticos).

GDR Condado Paradanta, xestor do xeodestino SICTED

O Destino SICTED Condado Paradanta constituíse en 2020 da man do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) que leva o mesmo nome. Dende entón, a entidade supramunicipal xestiona a certificación nacional e lidera as iniciativas necesarias para posicionar ó xeodestino como un destino de “Turismo dez”. A implantación do SICTED é gratuíta para o empresariado grazas ao Programa LEADER Galicia 2014-2020 da Consellería de Medio Rural e a convenios de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia que é como o GDR financia este proxecto.

«Vinte e cinco empresas sumáronse ao proxecto nos últimos dous anos, e agárdase que en 2022 adhíranse outras 13 máis” Indicou o presidente do GDR, Pablo Castillo, quen destaca o papel dos emprendedores e empresarios “que cren no potencial do xeodestino Condado Paradanta e na necesidade de homoxeneizar a calidade dos servizos turísticos”.

O Subdirector de Relacións cos GDR, Moisés Blanco, destacou que o Programa LEADER é unha das medidas máis exitosas pola aposta por iniciativas emprendedoras no rural galego. A través das axudas que o LEADER achega aos territorios rurais téñense financiado moitos proxectos relacionados co sector turístico. Concretamente, no Condado Paradanta, dez son os proxectos que se financiaron a través do GDR, cun orzamento mobilizado de 2,9 millóns de euros e cunha axuda pública de 1,4 millóns.

Pola súa banda, a Directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou que desde a Administración autonómica seguirase apostando polo Xeodestino e que os territorios deben estar preparados para candidatarse á obtención de fondos Next Generation que deberán ser utilizados con criterio e intelixencia.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES