jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaA Louriña con Ucraína

A Louriña con Ucraína

Mos e Porriño colaboran na acollida de refuxiados ucraínos tras formalizar a súa inclusión no programa coordinado pola Fegamp.

O Concello de Mos adhírese á proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias, en colaboración coa Secretaría de Estado de Migracións do Ministerio de Inclusión Social, Seguridade Social e Migracións, para a prestación de acollemento e axuda humanitaria ás familias procedentes de Ucraína
A axuda que con esta adhesión se compromete desde a administración local mosense inclúe acollida residencial mediante familias acolledoras interesadas en colaborar ou a través de alugueiro de aloxamento, residencia en hoteis ou hostais do municipio, etc.; atención sanitaria, escolarización, atención psicosocial prestada polas dúas psicólogas coas que conta o Concello de Mos, e outras doazóns de bens e produtos para enviar á poboación ucraína que permanece no país.
Neste último caso xa se está a xestionar a recollida de medicamentos e material sanitario nas farmacias de Mos, que manifestaron a súa vontade de colaborar nesta causa humanitaria, e tratarase cos diferentes supermercados e superficies comerciais do municipio a posibilidade de aportación de alimentos e produtos de primeira necesidade. Así mesmo, establecerase un punto de recollida de doazóns por parte de veciños e veciñas particulares que queiran realizar a súa contribución persoal. Proximamente anunciarase o lugar habilitado para a devandita entrega por parte dos particulares e o horario de apertura ao público para facer as entregas.
Así mesmo, esta mañá celebrarase no Concello unha Xunta Local de Voceiros que reunirá aos diferentes grupos da corporación municipal e na que se dará conta en detalle de todas as accións previstas desde Mos para axudar ao pobo ucraíno, que está a sufrir a invasión por parte de Rusia co conseguinte sufrimento das vítimas, “unha poboación civil que precisa enormemente nestes intres toda a colaboración e o esforzo de administracións e poboación españolas para axudala”.
Trala Xunta de Voceiros, e durante os vindeiros días, desde o Concello de Mos irase informando polo miúdo de todas as iniciativas de axuda humanitaria para Ucraína organizadas desde a administración local e explicarase como poden colaborar coas mesmas as persoas e entidades interesadas en facelo.

O Concello do Porriño comprométese co pobo ucraíno ante a crise humanitaria derivada da invasión das tropas rusas no seu territorio e confirmou á Fegamp que acollerá ata 20 persoas refuxiadas de Ucraína.
A resposta humanitaria do Concello inclúe, ademais de aloxamento, poñer ao dispor das persoas refuxiadas persoal especializado en psicoloxía, servizos xurídicos e traballo social.
Ademais, e ante a petición de varios particulares que xa ofreceron os seus domicilios para acoller a familias refuxiadas, desde o Concello informan de que todo aquel que queira sumarse ao ofrecemento se poña en contacto coa administración local que se encargará de xestionar a acollida.
Esta decisión comunicarase hoxe ao resto dos grupos da corporación na Xunta de Voceiros convocada para as 17.30 horas na que se abordará a posibilidade de adoptar máis medidas en base a como se desenvolva o conflito.
“Queremos mostrar o noso respaldo ao pobo ucraíno e condenar a inxustificable e brutal agresión por parte de Rusia”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo. “Nun momento coma este todas as administracións debemos estar á altura e contribuír na medida das nosas posibilidades”.
Do mesmo xeito, en sinal de apoio a Ucraína, a súa bandeira lucirá na pantalla instalada na rúa Antonio Palacios.

Apoio da bisbarra

Unha resposta similar están a ter gran parte dos municipios da bisbarra, que ofrecen axuda ante esta barbarie. Así, por exemplo o Concello da Guarda vén de por a disposición das familias desprazadas polo conflito en Ucraína dúas vivendas no municipio; Ponteareas ofrécese a acoller a catro familias con menores e a brindarlles todo o apoio que poidan precisar nestes momentos e pon á súa disposición dúas vivendas sociais e dous aloxamentos no Convento de Canedo grazas á colaboración dos Franciscanos e o Concello de Nigrán ofrecerá a Residencia de Tempo Libre de Patos como centro de acollida para refuxiados ucraínos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES