sábado, abril 27, 2024
InicioComarcasLouriñaO Porriño reivindica a igualdade dende o berce

O Porriño reivindica a igualdade dende o berce

Conmemora o Día Internacional da Muller cunha semana de actividades divulgativas, culturais e lúdicas dirixidas especialmente á infancia e á mocidade

O Porriño traballa na conmemoración do Día Internacional da Muller cunha completa programación dirixida especialmente á infancia e á mocidade.

A proposta da concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, xira baixo o lema «Igualdade dende o berce» destacando a importancia de educar en valores como principal ferramenta para construír unha sociedade igualitaria. «As/os nenas/os de hoxe serán as/os adultas/os de mañá», apuntou a concelleira, «Unha xeración educada sen distincións de xénero dende pequenas/os, conscientes da necesidade de alcanzar unha igualdade real e implicadas/os na reivindicación deste dereito darán forma a unha sociedade máis xusta e igualitaria».

No mesmo sentido manifestouse o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o cambio é necesario e a forma máis efectiva de avanzar cara el é apostando pola educación. Para rematar coas desigualdades que aínda sofren moitas mulleres polo mero feito de selo en moitos ámbitos das súas vidas, é necesario que a mocidade medre no respecto e na igualdade, condicións esenciais para evitar comportamentos machistas futuros e alcanzar unha igualdade real efectiva».

O alcalde e a concelleira presentaron hoxe a programación que propón unha semana de actividades culturais, divulgativas e lúdicas. Foi no CEIP Plurilingüe de Atios, onde se celebraba a primeira das accións: o obradoiro de RealKiddys sobre a hipersexualización e os micromachismos que se impartirá ao alumnado de 4º a 6º de primaria de todos os centros escolares da vila.

A actividade conmemorativa do Concello estenderase tamén aos institutos. O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Pino Manso e do IES Ribeira do Louro coñecerán o papel fundamental da muller na eliminación da discriminación por razón de sexo, no seu empoderamento e na creación dunha sociedade baleira de roles e estereotipos de xénero a través dun divertido «Scape room».

A programación que comezou hoxe continúa o 6 de marzo co espectáculo infantil «Eu de maior non quero ser princesa» amenizado polo dúo As Maimiñas. Será ás 17h na praza Arquitecto Antonio Palacios.

A xornada reivindicativa do 8 de marzo arrancará, ás 10.00 horas, na Praza de Abastos do Porriño cunha «Homenaxe ás peixeiras» no que participarán o alcalde do Porriño e a alcaldesa de Mos. Os actos trasladaranse á Praza Arquitecto Antonio Palacios pola tarde, ás 17.00 horas comeza «Voces na rúa», unha actividade na que a cidadanía será a principal protagonista achegando os seus coñecementos, opinións e reflexións sobre a importancia da muller ao longo da historia, a súa presenza e o seu arduo traballo na consecución do recoñecemento dos seus dereitos en igualdade cos homes. Pechará a programación na praza a lectura do manifesto do 8M, ás 20.30 horas.

Ademais, o Concello do Porriño fará pública a súa Guía de linguaxe inclusiva a través das súas redes sociais e páxina web

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES