viernes, abril 19, 2024
InicioNewsO PaísA dramaturga Laura Porto estrea "Reino da Extinción" en Vigo

A dramaturga Laura Porto estrea «Reino da Extinción» en Vigo

A compañía Amorodio Teatro estreará este venres, 1 de outubro, a obra “Reino da Extinción” escrita e dirixida pola xoven dramaturga Laura Porto. Será ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Vigo. A xira continuará este ano e o vindeiro por teatros de toda Galicia.

A compañía teatral galega traballou dende o luns, no auditorio de Vilagarcía de Arousa, nos últimos axustes da montaxe, e todo o equipo técnico e corpo actoral laboraron en conxunto para conseguir o mellor resultado na súa estrea o vindeiro venres en Vigo e resto das representacións da xira que se vai a realizar este 2021 e no 2022 polos auditorios e teatros das principais localidades de Galicia.

Estes tres días, estiveron centrados nos últimos axustes no traballo de iluminación, son e escenografía. Neste sentido hai que destacar o traballo que para esta montaxe realiza unha das escenógrafas máis destacadas do actual panorama Galego, Beatriz de Vega, en colaboración con Dani Rodríguez. De Vega vén de recibir o premio María Casares á mellor escenografía polo seu traballo en “32 m2” da compañía ButacaZero.

Inda que nun comezo, AMORODIO TEATRO tiña previsto realizar a súa Residencia Técnica en Gondomar, finalmente a mesma fíxose en Vilagarcía, nun dos auditorios mellor equipados de Galicia, o Auditorio municipal desta localidade. Todo o equipo agradece á Institución Municipal a súa colaboración para o seu uso tendo en conta as súas características técnicas. Cunha superficie de 5.500 metros cadrados, este teatro ten un escenario de 17×13 metros, modulables en función das necesidades, un foso de orquestra de 150 metros cadrados e un aforo para 754 persoas.

Reino da Extinción é unha comedia aceda que conta a perspectiva de catro persoas de diferentes épocas da Historia galega que, forzadas a convivir nun Alén moi distinto do que imaxinaban, poñen a proba idea do que significa ser galegos para os propios galegos e galegas, vivir en Galicia e falar a lingua. Que define a Galicia? Será a comida excelente, a dúbida constante ou… Quizais a xente? E que é ser galega ou galego? Como é posible que un personaxe da Prehistoria sexa tan galego coma un do Século das Luces? Foi Galicia o mesmo en tódolos momentos da súa Historia? Cando comezou e cando rematará Galicia?.

Alba Nogueira, Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Raquel Velasco, son as catro intérpretes que dan vida a eses personaxes, logo de unir os seus camiños na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde as inquedanzas sociais da súa xeración as levan a conformar esta sinerxia teatral.

Reino da Extinción estrease este venres día 1 no AUDITORIO DO CONCELLO DE VIGO, as 20.00 horas.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES