sábado, diciembre 7, 2024
InicioNewsComarcasPrograman actuacións escénicas e musicais en seis municipios da bisbarra

Programan actuacións escénicas e musicais en seis municipios da bisbarra

As funcións desenvolveranse, dende este mércores, en Tui, Tomiño, Cangas, Redondela, Gondomar e Ponteareas

A Xunta, en colaboración cos concellos, promove ata xuño 29 actuacións escénicas e musicais na área de Vigo, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Tui

A programación nestes seis municipios da área de Vigo comeza mañá, co espectáculo Maxia sen trucos, de Ian&Elisa, no Teatro Municipal de Tui, onde o venres 5, representarase a peza teatral O premio, de La Quintana. A próxima semana, o día 11, estará dedicado á cativada con O lobo e a lúa, de Baobab Teatro, e os días 23 e 24 deste mes haberá unha dobre función da estrea de Illas desertas, de ArtesaCía.

Tomiño

Este sábado 6 arranca a programación da RGTA prevista no Auditorio Municipal de Goián, en Tomiño, coa representación de Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións. Xa en abril, o 25, chegará para a público familiar o novo circo de Xampatito Pato e o seu espectáculo Só, e o 23 de maio farao a música, cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Finalmente, en xuño, o día 20, está prevista a obra de teatro 32m2, de ButacaZero.

Cangas

O Premio, de La Quintana, marca tamén este sábado o inicio das funcións en Cangas, que continúan en abril, o día 24, con Medida x Medida, de Producións Teatráis Excéntricas. En maio será a quenda de Fulano, Mengano e Citano, coa obra A louca historia de Galicia, o día 15, e de Chévere, con Curva España, o día 22. Nese mesmo mes, o 29, representarase O ogrocho, de Ningures Producións, dirixido á cativada, e o 5 de xuño O meu reino non é deste mundo, de Teatro da Ramboia. Todas as actuacións serán no Auditorio Municipal.

Redondela

Redondela retoma a programación no Auditorio do Multiusos da Xunqueira este domingo, con Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas, para público familiar. O 27 deste mes Malasombra Producións exhibirá Nós (A historia de Galicia). O teatro segue a ser protagonista en abril, con O libro da selva, de Teatro Avento, dirixida á rapazada, o día 4, e con 32m2, de ButacaZero, o 24. En maio chega Ibuprofeno Teatro, con O mel non caduca, o día 8, e O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, o 29. As funcións deste semestre finalizan o 13 de xuño con Mai Mai, de Baobab Teatro, outra peza para público familiar.

Gondomar

O Auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle o día 3 de abril a peza O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, e o 10, Despois das ondas, de ButacaZero. O 17 de abril será a quenda de Companyia La Tal, coa obra Italino Grand Hotel, para público familiar, e o 1 de maio de Cinema Sticado, con Pika.

Ponteareas

Ponteareas comeza a programación do semestre o 24 de abril con O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia. Xa en maio, representarase Clausura do amor, de Cámara Negra en coprodución co Centro Dramático Galego, o día 15, e o 19 de xuño, O mozo da última fila, de Redrum Teatro. As funcións terán lugar no Auditorio Reveriano Soutullo.

As representacións previstas nestes seis municipios da área de Vigo súmanse ás máis de 30 actuacións escénicas que xa se están a desenvolver en colaboración co Concello de Vigo desde o pasado 19 de febreiro, no Auditorio Municipal

A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar no web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS