sábado, diciembre 7, 2024
InicioComarcasO CondadoPonteareas sanea a zona da Minidepuradora da Freixa

Ponteareas sanea a zona da Minidepuradora da Freixa

O Concello de Ponteareas acometerá obras de saneamento na zona da Minidepuradora da Freixa por valor de 35.000 euros.

O goberno local, a través da alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, informa da decisión de acometer determinadas obras no entorno da minidepuradora ubicada na Freixa para solucionar as incidencias na rede de saneamento nesa zona, “son obras que imos acometer de inmediato para solucionar as incidencias e chapuzas derivadas do que fixo no seu día o goberno do PP”, afirmou Cristina Fdez. Davila. As obras, valoradas en 35.000 euros consistirán en reparar e ampliar a capacidade das tubarías de saneamento perto da minidepuradora, ademais de novos pozos ou “arquetas”, así como un novo pozo de bombeo na zona dos baños, coa finalidade de que o sistema de saneamento funcione adecuadamente.  

O goberno local cualificou de gravísima irresponsabilidade do PP ubicar no seu día a minidepuradora nun espazo tan sensíbel a nivel ambiental e turístico. “Un gravísimo erro do PP que agora temos que solucionar gastando miles de euros da cidadanía pero tendo o impacto negativo desa ubicación nun espazo tan sensíbel a nivel ambiental, ademais de estar no medio dun recurso turístico tan importante”, salientou a Alcaldesa en funcións.

Ademais, nos vindeiros meses, o goberno local contempla realizar un investimento na propia minidepuradora para mellorar a eficiencia do seu funcionamento, este investimento está financiado ao 80% con fondos da Unión Europea, a través do IDAE, a partir da solicitude do goberno local que foi aprobada polo Estado.

Por outra parte, dende o goberno local tamén informan de que veñen de encargar o proxecto de ampliación de abastecemento, saneamento e mellora de asfaltado nesa mesma zona da Freixa para completar estes servizos básicos dos que carecen varios veciños e veciñas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS