viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaUnanimidade en Salceda para solicitar que se imparta o bacharelato

Unanimidade en Salceda para solicitar que se imparta o bacharelato

O Concello, a Dirección do instituto e as anpas van da man e piden tamén que se amplíe o número de aulas do IES, así como a a súa adscrición a outro centro con estudos postobrigatorios.

O Pleno do Concello de Salceda aprobou por unanimidade a moción presentada de xeito conxunto polos tres grupos da corporación (Movemento Salceda, PSOE e PP), para instar á Xunta de Galicia a que proceda canto antes á ampliación do IES Pedras Rubias, así como á instauración de ensino postobrigatorio no municipio.
Salceda de Caselas conta na actualidade con un único centro de educación secundaria, o IES Pedras Rubias, que acolle unicamente os estudos da ESO, e que conta nestes momentos con 342 estudantes. O municipio é na actualidade un dos que rexistra maior taxa de natalidade de Galicia, “o que fai fundamental a necesidade de existencia de infraestruturas educativas para acoller á súa poboación escolar”.
Xa dende o curso 2017/2018, a dirección do centro ven manifestando a necesidade real de que se amplíe o número de aulas, insuficientes polo continuo aumento de alumnado, e que neste curso se viu empeorado pola situación da COVID-19, que obrigou a converter en aulas espazos como a biblioteca, o salón actos, a sala de mestres ou a aula de música.
Na mesma liña, a dirección vén solicitando que se establezan estudios de bacharelato no centro, para que deste xeito o alumnado teña a posibilidade de continuar a súa formación postobrigatoria sen saír do seu concello, “co que iso supón para as súas familias, tanto no que a conciliación se refire como ao esforzo económico”.
A isto engádese o feito de que o IES Pedras Rubias non ten asignado neste momento ningún centro adscrito para a continuidade dos estudios do seu alumnado, “o que na actualidade está orixinando situacións de incerteza que en moitos casos ata ben avanzado setembro non se vén solucionadas, deixando aos mozos de Salceda nunha clara situación de discriminación con respecto ao alumnado dos Concellos limítrofes que si ven garantida a súa praza nos centros de referencia”.
Tamén as ANPAS dos diferentes centros educativos de Salceda (E. I. A Galiña Azul, CRA Raíña Aragonta, CEP Altamira e IES Pedras Rubias), así como a Asociación SAPIX (Salceda pola Infancia e a Xuventude) teñen solicitado á Consellería de Educación a ampliación do centro e a implantación de estudos postobrigatorios, así como a inmediata adscrición do IES a outro centro con estudos postobrigatorios, sen que ata o de agora se obtivese unha resposta afirmativa a esta solicitude.
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, portavoz do PSOE e Santiago Rodríguez, portavoz do PP coincidiron en que “por vez primeira a sociedade de Salceda únese para pedir a mellora da nosa educación. É un orgullo que as tres forzas políticas con representación no Concello, as catro ANPAS dos diferentes centros escolares, a dirección do IES Pedras Rubias e a Asociación SAPIX vaiamos da man na defensa dos intereses da nosa comunidade educativa. A nosa reclamación é de xustiza, e confiamos en que a Xunta de Galicia atenderá as nosas peticións».

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES