Núñez Feijóo, avanza que este ano se ofertarán nas distintas OPE de Sanidade, Administración Xeral e Educación máis de 4.300 prazas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a activación este ano de distintas Ofertas de Emprego Público  para ofertar máis de 4.300 prazas, das que 1.215 serán do eido sanitario, 1.491 pertencerán á Administración xeral e 1.604 á educación.

Máis polo miúdo, Feijóo detallou que, no eido sanitario, aprobouse o decreto de convocatoria que volverá a esgotar a taxa máxima de reposición autorizada polo Estado (110%).  “Queremos emprego estable, diminuír a concatenación de contratos e dar un maior emprego con vocación de permanencia porque melloramos o servizo público, por tanto, nos gustaría sacar mais prazas, pero sacamos as que estamos habilitados para sacar”, incidiu.

Do total de 1.215 prazas do eido sanitario, 1.203 corresponden a persoal estatutario do Sergas: 65 son de persoal licenciado sanitario, das que 60 son de médico de familia; 686 atinxen a persoal sanitario diplomado, das que 604 son de enfermaría; e  452 serán para persoal de xestión e servizos. Reservaranse tamén dese total de prazas, puntualizou, 61 prazas para persoas con discapacidade física e 25 para persoas con discapacidade intelectual. As restantes 12 prazas corresponden á OPE de persoal sanitario funcionario.

“Desde o ano 2012 levamos ofertadas 8.112 prazas no ámbito do Servizo Galego de Saúde, todas as que legalmente nos deixan”, dixo, durante a rolda de prensa do Consello.

Por outra banda, no ámbito da Administración xeral, o decreto de convocatoria de OPE, que tivo o visto bo de UXT e CC.OO, ascende a 1.491 prazas. Delas, 1.006 son de libre acceso, ás que poderá acceder pola vía do concurso-oposición calquera persoa que cumpra os requisitos, e dentro destas, 155 son para o Consorcio Galego de Benestar.

Ademais, hai 322 prazas para os procesos de promoción interna dos empregados públicos que se levarán a cabo en convocatorias independentes das de novo ingreso e se desenvolverán tamén a través do sistema de concurso-oposición. Finalmente, ofertaranse 163 prazas para continuar coa funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo estas probas non terán carácter competitivo. Neste caso tamén se esgotará a taxa de reposición imposta polo Goberno central.

Por último, Feijóo salientou que o decreto da OPE de educación aprobarase nos vindeiros consellos cunha convocatoria que prevé incluír 1.604 prazas a falta da súa previa aprobación na mesa sectorial. Estas probas, explicou, realizaranse no ano 2022, posto que este ano terán lugar as aprazadas pola pandemia. ”Sumando estas prazas en dous anos no ámbito educativo sacamos 5.258, polo tanto seguimos sendo a Comunidade autónoma con menor porcentaxe de interinos no sector docente”.

En definitiva, “imos abrir a Administración a novos folgos, a novas enerxías e a persoal máis novo”, concluíu.

¿E ti, es de Tweet?