O Concello vén de realizar o cambio de máis de 200 luminarias da vila por outras novas con tecnoloxía led, o que suporá unha redución do consumo enerxético do 70% e a redución das emisións de CO2 á atmosfera

A actuación, concedida no ano 2019, contou cun investimento total de preto de 100.000 euros, financiado nun 80% con fondos europeos a través do IDAE, sendo financiado o restante pola Deputación de Pontevedra e fondos propios.
A renovación, coordinada polo concelleiro de servizos municipais, Miguel González, conta con varios beneficios. Por un lado vai supor un importante aforro para as arcas municipais na factura eléctrica, xa que as novas lámpadas LED contan cun consumo de 40w fronte aos 150w das antigas de sodio. Por outro lado, a nova tecnoloxía supón unha mellora no servizo dado á veciñanza, xa que as novas luminarias contan con maior intensidade e claridade na iluminación.
Un dos beneficios máis importantes é a redución das emisións de CO2 á atmosfera na produción de enerxía eléctrica, un pasiño máis de cara a frear o cambio climático e lograr reducir a pegada de carbono. Ademais, a tecnoloxía LED conta cunha vida útil máis longa, e todos os seus compoñentes son reciclables, reducíndose deste xeito as avarías no alumeado e a substitución das mesmas. Estas melloras forman parte tamén dos obxectivos do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible) aprobado polo Concello de Salceda en novembro de 2020.
Esta actuación foi financiada polo IDAE a través de fondos FEDER que a Unión Europea destinou para o programa “Transición cara a unha economía baixa en carbono”, dentro da axenda 2014-2020 para o crecemento sostible. A aportación do IDAE foi do 80% do custo total, o que supón 76.490,26 euros, achegando o Concello de Salceda con fondos propios 11.622,57 euros e a Deputación de Pontevedra os restantes 7.500,00 euros. O total do investimento sumou 95.612,83 euros.
Unha vez rematado o cambio na vila, a Concellería de Servizos Municipais traballa na redacción de varios proxectos para a substitución das luminarias das sete parroquias, co obxectivo de que a totalidade do concello conte con iluminación LED.
Miguel González, concelleiro de Servizos Municipais, sinala que “con esta actuación aportamos o noso grao de area na mellora do medio ambiente, reducindo as emisións de gases contaminantes, ademais da mellora da calidade da iluminación e o conseguinte aforro económico que vai supor para as arcas municipais, co obxectivo claro de realizar este cambio na totalidade do territorio.”
A alcaldesa, Verónica Tourón, exñlica que “estas actuacións enmárcanse na estratexia que estamos a desenvolver dende o concello en contra do cambio climático, para camiñar cara unha vila máis sostible e moderna, da que forma parte tamén o PACES".

¿E ti, es de Tweet?