O Concello de Salceda de Caselas incorporou dúas persoas como auxiliares de Policía Local , que formarán parte do corpo de axentes locais, inicialmente, ata mediados do mes de abril, coa posibilidade de ampliación de contrato por tres meses máis.

Estas incorporacións axudarán a reforzar a Policía Local e súmanse aos cambios levados a cabo nos últimos tres meses como a recente toma de posesión do oficial xefe da Policía Local e a cobertura prevista da vacante de oficial que quedaría pendente e que se é posible levarase a cabo durante este ano 2022.

Nesta liña o Concello de Salceda de Caselas ten asinado un convenio dende o ano 2018 coa Xunta de Galicia para acollerse ás convocatorias centralizadas a través da Academia Galega de Seguridade Pública o que lle permite acelerar o prazos de contratación do persoal ao máximo para incorporar á plantilla da súa Policía Local.

A concelleira de Réxime Interior, Seguridade e Tráfico, Lucía Pereira, explica que "estas incorporacións xunto co recente nomeamento do Oficial Xefe de Policía Local permítenos seguir levando a cabo accións tan importantes como a adhesión ao Protocolo VioGen no que a policía intervén de forma activa na loita contra a violencia de xénero, ou a estreita colaboración en diferentes campañas levadas a cabo pola Garda Civil e as demais forzas de seguridade do Estado, xa que a colaboración mútua entre as diferentes forzas de seguridade é fundamental, e ten demostrado dar bos resultados”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, sinala que: "É unha prioridade garantir a seguridade da veciñanza todos os días e a incorporación de dous novos auxiliares suporá un reforzo nos servizos da nosa policía”.

¿E ti, es de Tweet?