A Asociación Lazoiro realizará os días 20, 21 e 22 de novembro unha exposición en Salvaterra de Miño sobre a memoria histórica da vila. A mostra terá lugar na Casa do Conde e a data de apertura será este venres, día 20, de 17:00h a 20:00h. O sábado 21 e domingo 22 os horarios serán de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h.
A exposición pretende dar continuade ao proxecto iniciado no ano 2013 baixo o nome de “Memoria de Salvaterra”, que naceu co obxectivo de “traballar na difusión e preservación da memoria da vila”, a través da recuperación de fotografías antigas e vídeos. Este traballo tivo como resultado a páxina web https://memoriadesalvaterra.lazoiro.org/ e dende entón a asociación realiza tódoa os anos unha exposición, tanto no centro da vila coma nas parroquias.
Este ano, baixo o título “A Nosa Memoria”, preténdese facer unha viaxe a través do tempo e amosar os cambios sufridos en Salvaterra, entre os que destacan o paso en barca a Monção, a posterior instalación dos transbordador e finalmente a construción da Ponte Internacional. Deste xeito sinalan que “houbo un gran cambio na paisaxe e nas edifcións en Salvaterra, temos fotografías onde apreciamos un casco histórico anexo ao recinto amurallado e do que hoxe en día case non quedan edificacións”.
A exposición, patrocinada pola Deputación de Pontevedra e en colaboración co Concello de Salvaterra, contará con diferentes paneis con fotografías e informacións variadas, así como proxección das curtas desenvolvidas pola asociación e outro tipo de vídeos sobre de valor histórico.

