A Garda Civil vén de tomar declaración a un veciño do concello da Caniza como presunto autor de diversos incendios forestais entre os anos 2024 e 2025. A investigación foi levada a cabo grazas ao traballo conxunto de axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería de Medio Rural e efectivos do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil.
Segundo informa Medio Rural, vínculase a esta persoa cun total de nove lumes, entre eles, dous rexistrados en abril e setembro do ano 2024 na localidade de Crecente, que afectaron a 169 e 267,62 hectáreas respectivamente. Responsabilízaselle tamén do incendio rexistrado en xullo de 2025 no concello da Caniza, que afectou a 295 hectáreas e que obrigou a activar a Situación operativa 2 como medida de prevención ante a proximidade do lume a núcleos de poboación.
A investigación comezou o 15 de abril de 2024 cando o persoal da UIFO detectou no punto de inicio dun lume forestal un artefacto incendiario. Posteriormente, noutros catro incendios rexistrados na mesma contorna, atopáronse dispositivos das mesmas características; correspondendo ademais co mesmo patrón de queima e obxectivo, xa que se produciron en zonas próximas aos límites de Terreos Cinexeticamente Ordeados (Tecor).
Durante o transcurso da investigación o persoal da UIFO e a Garda Civil sospeitou que a motivación dos incendios estaba vencellada coa actividade cinexética. Neste sentido, a persoa investigada procuraba iniciar desavinzas entre as persoas cazadoras pertencentes ao Tecor e aquelas das zonas libres, ás que el pertence.
No ano 2025 seguíronse atopando artefactos incendiarios de idénticas características e ata catro incendios forestais. Foi no lume de xullo de 2025 no que os axentes da UIFO capturaron unha imaxe que reafirmou as sospeitas da investigación. Deste xeito, a Garda Civil mantivo unha estreita vixilancia sobre esta persoa ata o momento da súa toma de declaración.

