A folga no sector ferroviario suspendeu 40 servizos en Galicia, incluídos dous trens rexionais previstos para circular entre A Coruña e Vigo, que estaban designados como servizos mínimos. Segundo informa o sindicato CGT, os datos manifestan unha participación do 80% na folga por parte dos traballadores.
Os dous trens designados como servizos mínimos, e que non circularon, foron os da 5:30 horas que realiza a ruta A Coruña-Vigo, así como o das 9:10 que vai de Vigo á A Coruña. A principal suspensión de servizos viuse reflexada nos trens rexionais, coa suspensión de arredor dunha trintena; fronte aos oito trens de longa distancia afectados.
No caso dos servizos mínimos, os pasaxeiros afectados foron trasladados aos seus destinos por estrada, segundo informan dende a operadora ferroviaria.
O obxectivo da folga é esixir medidas para aumentar a seguridade na rede ferroviaria do país, tras o accidente de Urda, en Toledo, que deixou un total 69 falecidos. Así, a folga foi convocada polo Comité Xeral do Grupo Renfe (CGGR), o Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes de Ferrocarril (Semaf), Comisións Obreiras (CCOO), a Unión Xeral de Traballadores (UGT), o Sector Ferroviario Federal da Confederación Xeral do Traballo (SFF-CGT), o Sindicato Intersindical Ferroviario (SF-I) e Alternativa Ferroviaria (Alferro) para toda España e durante todo o día (de 00:00 a 23:59).
Ante a folga, Renfe puxo a disposición dos pasaxeiros que prefiran viaxar noutra data as cancelacións e os cambios de billetes de forma gratuíta.
Servizos mínimos
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible estableceu servizos mínimos que van do 50 % ao 75 % para os trens de proximidades, dependendo da hora do día, e chegan ao 72 % para os servizos de alta velocidade e longa distancia.
Nun comunicado, Renfe afirma que a folga convocada no sector está a ter un “impacto desigual entre as comunidades autónomas”, sendo o maior impacto en Cercanías Madrid e Rodalies. Nos servizos comerciais (AVE, Avlo, Alvia, Euromed e Intercity), segundo a compañía, canceláronse o 12,2 % dos servizos mínimos.
Nos servizos públicos (Cercanías, Rodalies, Avant e Media Distancia), os datos de Renfe reflicten unha taxa de cancelacións do 37,84 %, con Cercanías Madrid afectada nun 97,7 % e Rodalies nun 40 %.

