O Concello de Ponteareas vén de aprobar o expediente de contratación do novo servizo de limpeza dos cinco centros públicos de Educación Infantil e Primaria do municipio: CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP As Veigas, CEIP Feliciano Barrera (Guláns), CEIP Santiago de Oliveira e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera. O contrato conta cun orzamento total de 1.663.200 euros, IVE incluído, para os próximos catro anos, o que supón unha dotación anual de 415.800 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 14 de decembro.
A alcaldesa, Nava Castro, puxo de manifesto que o obxectivo prioritario desta actuación “é garantir unhas condicións axeitadas de limpeza, hixiene e salubridade nos centros educativos, asegurando a continuidade dun servizo que resulta esencial para o alumnado, o profesorado e o conxunto da comunidade educativa”. Castro destacou que “esta medida forma parte da planificación municipal estratéxica para asegurar o correcto funcionamento dos servizos públicos e atender as necesidades reais dos colexios”.
O Goberno municipal sinala que a aprobación inicial dos orzamentos de 2027 foi “unha peza fundamental para poder avanzar na tramitación deste novo contrato, ao incorporar a previsión económica necesaria para financiar o servizo. A adxudicación quedará condicionada á existencia deste crédito axeitado e suficiente, conforme á normativa aplicable”.
A este respecto, o concelleiro de Economía e Facenda, Francisco Jesús Represas, subliñou que “a aprobación inicial do orzamento de 2027 permítenos seguir avanzando na planificación dos servizos municipais, dando cobertura económica a contratos necesarios para o funcionamento diario do Concello”.
Inclusión laboral
Unha das grandes novidades deste procedemento é a división do contrato en cinco lotes, correspondentes a cada un dos colexios beneficiados, para facilitar a concorrencia de empresas e permitir unha supervisión máis estreita e individualizada do servizo. Ademais, o lote correspondente ao CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera estará reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción. Con esta medida, “búscase favorecer activamente as oportunidades laborais das persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social”.
O servizo
O servizo contará cunha previsión de 16.600 horas anuais de limpeza, distribuídas entre os cinco centros durante dez meses ao ano. O documento técnico inclúe a limpeza diaria de aulas, corredores, aseos e espazos comúns, a reposición de consumibles hixiénicos e a retirada de residuos. Así mesmo, establécense mecanismos estritos de seguimento para controlar as horas efectivamente prestadas e actuacións específicas antes do inicio de cada curso, como a limpeza integral de fiestras e canlóns, coa posibilidade de engadir horas extraordinarias se fose necesario.

