HomeNewsActualidadeDetido en Mos un home por delitos de agresión sexual, exhibicionismo e...

Detido en Mos un home por delitos de agresión sexual, exhibicionismo e provocación a menores

Un varón de 74 anos de idade foi detido esta semana no marco da “Operación Vasilum” como presunto autor de delitos de agrexión sexual a menores de 16 anos, exhibicionismo e provocación sexual. O home era veciño da localidade pontevedresa de Mos e tiña nacionalidade española.

Os feitos remóntanse ao pasado mes de xullo, cando un grupo de tres menores creou un perfil en redes sociais facéndose pasar por unha nena de 14 anos e entablaron contacto co agora detido. Durante o tempo que durou a comunicación, o home mantivo conversacións de marcado carácter erótico e sexual coa suposta menor, chegando a remitirlle fotografías do seu corpo espido.

A situación escalou cando o investigado propuxo e organizou un encontro presencial coa finalidade de manter relacións sexuais, fixando como punto de reunión un parque da localidade de Gondomar.

Unha vez no lugar acordado, unha das menores presentouse para facerse pasar pola interlocutora da rede social. No momento no que o sospeitoro acudiu á cita, varios mozos e mozas saíron de distintas zonas do parque para recriminarlle a súa conduta. O altercado motivou a intervención dunha patrulla de Seguridade Cidadá da Garda Civil de Gondomar, a cal recibiu un aviso dun veciño manifestando que había un altercado entre uns mozos e un varón.

Tras chegar ao lugar, a Garda Civil fíxose cargo da situación en primeira instancia e identificaron ao home e varios menores. Segundo as primeiras manifestacións, os mozos mantiveron conversacións con el a través dunha plataforma de chat, facéndose pasar pola suposta moza de 14 anos.

Durante estas primeiras actuacións policiais, tamén se localizaron no vehículo do investigado diversos efectos, entre eles preservativos e vaselina, que foron incorporados ás dilixencias.

Unha vez recompilados os indicios e practicadas as dilixencias de investigación, a Garda Civil deu traslado das actuacións ao Ministerio Fiscal para a súa valoración.

Pola súa banda, o Ministerio Fiscal en vista do actuado, solicitou autorización xudicial para realizar unha entrada e rexistro no domicilio do investigado, co obxectivo de localizar dispositivos electrónicos e soportes dixitais que puideran conter información relevante para a investigación, así como comprobar se puideran existir outras posibles vítimas ou feitos de natureza similar.

Con todo, na mañá de onte, procedeuse á detención do autor por un posible delito de “grooming” e provocación sexual e a entrada e reistro do domicilio deste intervindose diferente material tecnolóxico para a súa análise. O material será analizado para determinar o alcance total dos feitos ou a posible existencia de máis vítimas, por iso, a investigación continúa aberta.

O detido, xunto coas dilixencias, foi posto a disposición da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo, número 5.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS