HomeNewsActualidadeArbo prepárase para o XI Magosto Popular con música, gastronomía e tradición

Arbo prepárase para o XI Magosto Popular con música, gastronomía e tradición

O Concello de Arbo conta os días para celebrar a décima primeira edición do seu Magosto Popular, no marco da programación do Outono Cultural 2026. A cita busca “render homenaxe ás tradicións galegas e fortalecer os lazos comunitarios”.

A partir das 17:00 horas, a Praza do Concello transformarase no epicentro do festexo. A animación correrá a cargo da Charanga Imperiais, cuxo repertorio poñerá o ritmo a unha tarde pensada para o gozo de pequenos e maiores. Xunto coa música, o sabor tradicional será o gran protagonista grazas ao reparto de balde de preto de 100 quilos de castañas recén asadas e 70 quilos de chourizo.

O rexidor de Arbo, Horacio Gil, salienta o valor desta cita e anima á participación de toda a comunidade: “Queremos convidar formalmente a todos os veciños e veciñas de Arbo a sumarse a esta festa tan nosa e significativa. O magosto é unha oportunidade única para xuntarnos, compartir sorrisos e manter viva a chama das nosas tradicións. É un orgullo ver como a nosa praza se enche de vida e de calor humano ano tras ano”.

Así mesmo, o alcalde fixo un chamamento especial a quen aínda non coñece a vila nesta época do ano. “Invitamos tamén a todos os turistas e visitantes a que se acheguen e desfruten do outono en Arbo. A nosa vila ofrece nestes meses paisaxes incribles, unha gastronomía excepcional e un acollemento único. Queremos que quen nos visite se sinta como na casa e viva connosco a esencia e o encanto da nosa cultura popular”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS