O Porriño será este martes, 3 de novembro, unha das paradas de EVOCAMIÑO, un proxecto cultural que propón achegarse ao Camiño de Santiago dunha maneira diferente, combinando tecnoloxía inmersiva, memoria e participación cidadá.
A iniciativa chegará á Praza do Concello a partir das 16:30 horas cunha actividade gratuíta e aberta a todos os públicos, na que as persoas participantes poderán descubrir diferentes paisaxes do Camiño Portugués a través da realidade virtual e coñecer as historias e lembranzas de persoas vinculadas á ruta xacobea.
O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de acoller esta cita na localidade “como parada clave do Camiño Portugués”, destacando que O Porriño quere “poñer no centro a memoria das nosas persoas maiores para conservala e presenrvala”, neste caso colaborando da man de AFAGA para que a tecnoloxía sirva como ponte emocional. “O Camiño non é só historia, é tamén a memoria viva dos nosos maiores, e con esta iniciativa abrimos un espazo inclusivo no que todos e todas se sintan parte do noso patrimonio común”, destacou o alcalde.
O programa inclúe unha experiencia de realidade virtual para percorrer e descubrir diferentes contornas do Camiño, unha proxección de testemuños que recolle vivencias e experiencias dos seus protagonistas, así como un obradoiro creativo de cunchas no que as persoas asistentes poderán colaborar na elaboración dunha lembranza conxunta. A xornada contará tamén cun photocall para levar unha fotografía e un chaveiro de lembranza. A actividade rematará ás 18:00 horas cunha merenda.
EVOCAMIÑO nace co propósito de “recuperar, activar e difundir a memoria viva do Camiño de Santiago”, preservando as lembranzas e os relatos das persoas que o percorreron, acompañaron ou viviron de preto. O proxecto entende o Camiño non só como un itinerario físico, senón tamén como “un espazo de encontro, memoria e intercambio entre xeracións“.
A través da realidade virtual, a imaxe, o son e a narración, a proposta busca facilitar o acceso ao patrimonio cultural xacobeo, especialmente a persoas maiores e persoas con dificultades de mobilidade ou deterioro cognitivo, sen deixar de lado a participación das familias, a mocidade e o conxunto da cidadanía.
O proxecto está impulsado pola empresa tecnolóxica galega INSATI, especializada en solucións dixitais aplicadas á saúde, aos coidados e á accesibilidade cognitiva, en colaboración con AFAGA Alzheimer. A iniciativa contempla actividades en distintos municipios vinculados ao Camiño de Santiago en Galicia, contribuíndo a preservar e compartir un patrimonio cultural e emocional que forma parte da identidade do territorio.
A cita do Porriño conta coa colaboración do Concello e enmárcase nunha iniciativa apoiada pola Xunta de Galicia e Xacobeo 2027.

