O Concello do Porriño xa ten todo listo para a celebración do Samaín deste ano. Entre as principais novidades desta edición destaca a instalación dun Túnel do Terror que se situará no propio interior da Casa Consistorial, prometendo “sustos e diversión para a veciñanza”, que terá lugar o 31 de outubro.
O percorrido, de arredor de 30 metros, discorrerá polos espazos nobres deste emblemático edificio deseñado por Antonio Palacios a principios do século XX, un lugar con historia que xa sufriu incendios no pasado e polos cuxos pasadizos pasaron diversas xeracións. Os visitantes pasarán por puntos clave como as escaleiras meirandes ou o propio Salón de Plenos.
A temática deste ano estará enfocada, coa chegada do frío, nun “inverno terrorífico”. Desde a organización aseguran que a experiencia “dará medo de verdade”, motivo polo cal se solicita que “a rapazada menor de oito anos acuda acompañada dunha persoa adulta”.
A actividade será totalmente de balde e abrirá as súas portas ás 18:00 horas, priorizando no primeiro tramo horario á cativada e ás familias. Como novidade para esta edición, repartiranse tickets numerados co fin de axilizar a agarda e permitir que a xente coñeza o tempo estimado antes de entrar. Estímase que a visita dure uns 15 minutos, aínda que seguro que as persoas máis aterrorizadas completarán o traxecto en moito menos tempo.
“Queremos que sexa unha cita para toda a familia”, explica o alcalde do Porriño que presentou a actividade xunto ao Concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez, destacando que ademáis na rúa haberá un espectáculo que, de seguro, non deixará a ninguén indiferente, e convidando a grandes e pequenos a acudir. Destacou ademáis que “de novo os colexios e a cativada se volcaron coa decoración a través deses calacús que de novo lucirán na vila”.
Espectáculo internacional: “Parade Anubis” de Pablo Méndez Performances
A programación contará coa participación especial da compañía internacional Pablo Méndez Performances, coñecida polas súas espectaculares producións que percorren escenarios de todo o mundo combinando impacto, fantasía, caracterizacións meirandes, luces, música inmersiva e elementos visuais de gran formato.
A compañía presentará o seu pasarrúas e espectáculo “Parade Anubis”, unha impresionante proposta escénica que transformará o espazo urbano nun templo viviente do Antiguo Exipto. Encabezado pola enigmática figura de Anubis —o deus dos mortos— xunto a seres mitolóxicos, danza, acrobacias e estruturas de dimensións colosais, este show ofrecerá unha experiencia sensorial e ritual única deseñada para mergullar a todo o público na maxia do Samaín.
Calacús na rúa
Ademais desta gran atracción, a Concellería de Educación e a OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) volveron impulsar o xa tradicional concurso e mostra de calacús. Nesta ocasión, convidouse a participar ao alumnado de Educación Primaria dos colexios do Porriño, así como aos usuarios e usuarias do centro Aceesca e da asociación Afaga.
Dende a organización destacan que “a resposta á convocatoria foi todo un éxito de participación” contando cun total de 687 alumnos e alumnas que se involucraron na decoración e haberá un total de 331 calacús orixinais que se colocarán polas rúas do centro do municipio.
Nesta edición, a temática e os materiais decorativos foron totalmente libres, sen restricións técnicas nin materiais, o que permitiu ao alumnado dar fraga á súa imaxinación para crear pezas únicas.
A partir das 14:00 h do sábado 31 de outubro, a exposición quedará aberta ás familias e ao público xeral. O percorrido estenderase dende a fonte do Cristo ata o final do barrio de San Bieito (dependendo do espazo e da colocación final).
O alumnado e as familias que desexen recuperar os seus traballos poderán facerse con eles a partir das 21:00 h do domingo 1 de novembro.
A partir das 8:00h do luns 2 de novembro, o servizo de limpeza municipal retirará as cabazas restantes que non fosen recollidas para proceder á súa correcta reciclaxe.

