O Colexio Santo Tomás do Porriño volve poñer en marcha esta semana o seu programa de Tutoría entre Iguais (TEI), unha metodoloxía de referencia no ámbito educativo deseñada para a prevención do acoso escolar, a loita contra a violencia e a mellora do clima na aula a través da xestión pacífica dos conflitos. O proxecto, que se desenvolveu con notable éxito no centro durante varios cursos antes do parón obrigado pola pandemia da COVID-19, regresa agora ás aulas co obxectivo de consolidar un modelo de convivencia baseado no respecto, a empatía e a axuda mutua.
Na xornada de presentación e asignación de parellas, o alumnado de Primaria viviu un dos momentos con máis nervos do curso co reparto oficial de roles: saber qué neno ou nena terán que tutorizar. O acto contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que, xunto coa directora do centro, Amaya Alcalde, foi o encargado de repartir os emparellamentos feitos entre primaria e infantil e salientou “a importancia de formar ás novas xeracións en valores sociais como a tolerancia, a empatía e a responsabilidade colectiva dende idades moi temperás”.
Unha rede de apoio directa entre alumnado
O programa TEI parte dunha premisa sinxela pero de gran impacto: que sexan os propios nenos e nenas dos cursos superiores os que actúen como titoras e titores de referencia do alumnado máis pequeno. Deste xeito, asignase a cada alumno de menor idade un tutor dos cursos máis altos ao que pode recorrer en calquera momento se xorde un problema, dúbida ou conflito nos espazos de lecer, como o recreo ou as actividades conxuntas.
O modelo non busca substituír o papel do profesorado ou do equipo de orientación, senón ofrecer unha liña de primeira intervención máis cercana, xa que os escolares adoitan comunicarse e empatizar con maior facilidade entre eles.
Beneficios para toda a comunidade educativa
A recuperación desta iniciativa trae consigo múltiples beneficios contrastados que impactan en todos os niveis do centro escolar. Para o alumnado tutorizado proporciona un incremento inmediato na súa sensación de seguridade, integración e proteción, facilitando a adaptación ás novas etapas escolares . Para o alumnado tutor fomenta o desenvolvemento da empatía, o sentido da responsabilidade e o liderado positivo. Ao seren vistos como referentes, reforzan a súa autoestima e adquiren habilidades clave de comunicación, escoita activa e resolución de diferenzas de xeito pacífico.
Este programa, segundo os datos acadados xa en outras edicións, evidénciase como “unha forma eficaz de evitar as conductas de acoso (bullying) ao romper as xerarquías e dinámicas de poder habituais entre cursos”. A contorna escolar transfórmase nun espazo máis inclusivo e acolledor, transmitindo ademais unha profunda tranquilidade ás familias sobre a convivencia diaria dos seus fillos e fillas.

