HomeNewsActualidadeO Porriño estrea a nova área multideportiva do Campo da Feira cun...

O Porriño estrea a nova área multideportiva do Campo da Feira cun torneo de fútbol e baloncesto

O Concello do Porriño ven de completar a posta en marcha do novo espazo público de lecer e deporte situado na rúa Parque Infantil, na contorna do Campo da Feira. A instalación, que conta cunha superficie total de 557 metros cadrados, quedou oficialmente dispoñible para o uso da veciñanza no marco do campionato das Festas do Cristo, nun encontro no que participaron xogadores do UD Atios e do Porriño Baloncesto Base (PBB).

A intervención permitiu reconfigurar de maneira integral esta parcela municipal para poñela ao servizo da cidadanía. O recinto conta cunha pista de fútbol equipada con novas porterías de fútbol sala e balonmán, así como unha pista destinada á práctica de baloncesto 3×3 dotada dunha canastra antivandálica.

Xunto ás pistas de xogo, acondicionouse a zona biosaudable mediante a restauración e posta a punto dos elementos xa existentes, aos que se sumou unha rede perimetral de seguridade para protexer o perímetro da área deportiva.

Mellora ambiental e novos servizos

Os traballos de mellora non se limitaron á parte deportiva, senón que incluíron a instalación de novas redes de drenaxe para a evacuación pluvial, subministro de auga para rego e a colocación dunha fonte pública. Do mesmo xeito, dotouse á zona de novo mobiliario urbano e cartelaría informativa.

A actuación completouse con traballos de xardinaría e paisaxismo, incorporando arborado, sebes e especies ornamentais para mellorar a integración ambiental do conxunto.

“Este proxecto forma parte dun plan máis amplo para a recuperación e ampliación progresiva do ámbito do Campo da Feira mediante a adquisición de novos terreos, co obxectivo final de dotar ao municipio de cada vez máis áreas verdes, de lecer e convivencia familiar” asegurou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS