Mos acolleu este domingo, 11 de outubro, a primeira edición da Carreira Popular ACTIVAEMOS, unha iniciativa de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) que reuniu deporte e solidariedade para dar visibilidade á loita contra a violencia de xénero e ao traballo que a asociación desenvolve con mulleres vítimas desta violencia.
A carreira celebrouse no Polígono da Veigadaña, cun percorrido de 4,4 quilómetros e saída ás 10:30 horas. Entre as autoridades presentes estiveron, entre outras, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro; e a deputada provincial de Igualdade, Paula Bouzós.
O acto reuniu a representantes institucionais, empresas patrocinadoras e colaboradoras e mulleres participantes no programa ACTIVA 10, algunhas das cales se implicaron directamente na organización da carreira. A súa presenza permitiu poñer rostro ao traballo desenvolvido durante esta década, na que máis de 300 mulleres participaron en programas de orientación, formación e inserción laboral impulsados por AEMOS.
A carreira buscou implicar as empresas, as administracións e a cidadanía arredor desta causa, así como dar a coñecer o traballo que se realiza para favorecer a autonomía persoal e económica das mulleres vítimas de violencia de xénero.
A proba tivo, ademais, unha finalidade solidaria. O excedente económico obtido coa súa celebración destinarase a EVD Galicia, entidade dedicada á formación e á inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.
Premiados e premiadas
No apartado deportivo, a clasificación desta primeira edición foi a seguinte:
Primeiro clasificado masculino: Bernardo Durán
Primeira Clasificada feminina: Mili Vidal
Segundo clasificado masculino: Juan Gil.
Segunda clasificada feminina: Patricia Vidal.
Terceiro clasificado masculino: Rodrigo Gómez.
Terceira clasificada feminina: Patricia Gradaille y Claudia Rodríguez.
AEMOS agradeceu “a participación das persoas corredoras e a colaboración das empresas, entidades e administracións que contribuíron á organización desta primeira edición”.

