O Concello de Arbo convoca, con motivo da celebración da LXVII Festa da Lamprea, o concurso de carteis e redacción dirixido ao alumnado do C.E.I.P. Antonio Carpinteiro, unha iniciativa coa que “se pretende involucrar aos máis novos na difusión e posta en valor dunha das celebracións máis destacadas do municipio”.
A LXVII Festa da Lamprea celebrarase os días 23, 24 e 25 de abril de 2027, e o concurso permitirá ao alumnado expresar, a través da pintura, o debuxo e a escritura, a súa visión sobre Arbo, a súa cultura, a súa gastronomía e o seu patrimonio.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou “a importancia de contar coa participación dos escolares nas actividades vinculadas á Festa da Lamprea” asegurando que “queremos que os nenos e nenas de Arbo sexan tamén protagonistas da nosa Festa da Lamprea. É unha celebración que forma parte da nosa identidade e da nosa historia, e este concurso é unha maneira de achegarlles as nosas tradicións desde a creatividade, a educación e a participación”.
Segundo explicou o alcalde, “a través dos seus debuxos e das súas redaccións, o alumnado pode amosarnos como ve Arbo, a lamprea, os nosos ríos, a paisaxe, o viño e todo aquilo que fai especial ao noso municipio”.
No concurso poderá participar o alumnado de todos os cursos do C.E.I.P. Antonio Carpinteiro. O tema fundamental dos traballos será Arbo e a LXVII Festa da Lamprea, podendo os participantes inspirarse na gastronomía, a paisaxe, o patrimonio, o viño, a lamprea e os ríos Miño, Cea e Deva, entre outros elementos representativos do municipio.
Cada participante poderá empregar o soporte que considere máis axeitado e utilizar diferentes técnicas e materiais, entre eles lapis de cores, ceras, acuarelas, témperas ou collage. As redaccións terán unha extensión máxima de dous folios escritos por unha soa cara.
Os premios consistirán en material didáctico, xogos e outros agasallos, e estableceranse dous premios por cada curso de Educación Infantil e dous premios por cada curso de Educación Primaria no concurso de carteis.
No caso do concurso de redacción, concederanse dous premios por cada un dos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
O xurado poderá determinar, en función da calidade dos traballos presentados, non outorgar os dous premios previstos ou, no seu caso, conceder un terceiro premio por curso.
O prazo para a entrega das propostas de carteis finalizará o 15 de xaneiro de 2027 no C.E.I.P. Antonio Carpinteiro. Os traballos poderán entregarse posteriormente no Concello de Arbo ata o 18 de xaneiro de 2027.

