O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisaron este xoves o inicio das obras da senda peonil e ciclista da PO-407 en Budiño.
Trátase dun itinerario que terá 1 km de lonxitude e comezará no cruzamento coa estrada provincial a Cerquido e finalizará á altura do colexio público Cruz de Budiño.
A conselleira subliñou que esta senda “facilitará a mobilidade dos veciños, pois esta é unha zona de vivendas”. O itinerario “favorecerá os desprazamentos diarios a pé ou en bicicleta dos escolares, nesta zona na que actualmente non hai espazos habilitados para peóns”.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, agradeceu á conselleira e á Xunta de Galicia a realización do proxectoporque “se cumpre unha demanda histórica da veciñanza de Budiño, proporcionando seguridade vial aos viandantes e en especial ao colexio que temos aquí ao carón”
En concreto, a actuación consiste na construción dunda senda no treito da estrada PO-407 comprendido entre os puntos quilométricos 0+130 e 1+020, creando un espazo seguro para o tránsito peonil independente da calzada, xa que esta carece na actualidade dunda zona destinada á circulación dos peóns.
A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá a execución dunda senda en formigón coloreado dun ancho mínimo de 1,80 metros, agás nun estreitamento puntual na contorna do punto quilométrico 0+750, onde existe unha estrutura.
De cara a facilitar a accesibilidade, colocarase pavimento táctil indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo, situarase nos extremos da senda para indicar o final da mesma, así como nas paradas de autobús ou nos pasos de peóns para advertir da posibilidade de cruzar con seguridade.
As obras a contratar inclúen avances na seguridade adicionais, como o acondicionamento das paradas de autobús existentes nos puntos quilométricos 0+280 e 0+960. En ambos os dous casos acondicionarase e ampliarase a zona peonil, sinalizarase o refuxio e disporase de pavimentos que cumprirán as normativas vixentes de accesibilidade.
A intervención completarase con traballos adicionais de instalación dun prisma soterrado de telecomunicacións e iluminación, o avance dos sistemas de drenaxe, a recolocación de colectores de residuos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.

