O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou definitivamente o novo Regulamento de Réxime Interior da Ludoteca Municipal Parque da Curuxeira. Este documento actualiza e ordena o funcionamento deste servizo socioeducativo municipal, substituíndo ao regulamento vixente desde o ano 2020.
A aprobación definitiva deste texto coincide co desenvolvemento do novo curso. Unha das principais novidades que se quere trasladar ás familias é que non existe un único período anual para incorporarse ao servizo. O prazo de solicitude de inscrición permanece aberto durante todo o ano e está limitado unicamente pola capacidade dispoñible do centro. Na actualidade, a matrícula xa está aberta para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. O servizo establece unha tarifa de 20 euros ao mes por menor.
A concelleira de Servizos Sociais, Raquel Plana, quixo facer fincapé no compoñente integrador e formativo do centro, sinalanado que “queremos ofrecer un espazo seguro no que os nosos nenos e nenas poidan xogar, aprender, relacionarse e desenvolver a súa creatividade a través do xogo regulado. Plana recalcou que “a matrícula continúa aberta durante todo o ano e que poden solicitar praza en calquera momento mentres exista dispoñibilidade no centro”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, subliñou o “firme compromiso do Goberno local por modernizar e blindar as prestacións de conciliación”, apuntando que “con este novo regulamento damos un paso máis na mellora da Ludoteca Municipal, adaptando o seu funcionamento ás necesidades actuais das familias e poñendo á súa disposición unhas instalacións renovadas, modernas e verdes”. A rexedora engadiu que “o noso obxectivo prioritario é que Ponteareas sexa un concello acolledor para as familias, garantindo espazos públicos onde a conciliación sexa unha realidade e non unha barreira”.
Organización, horario e actividades
A nova normativa establece unha capacidade máxima de 20 nenos e nenas de forma simultánea. Non obstante, poderá haber un número superior de menores matriculados sempre que a organización por grupos e quendas garanta que non se supera o límite autorizado. O horario do centro en periodo escolar é de 17:00 horas a 20:00 horas.
A oferta de actividades inclúe xogo libre e organizado, animación á lectura, actividades artísticas e deportivas, xogos cooperativos, obradoiros multidisciplinares, actividades extraordinarias e préstamo domiciliario de libros e xogos. O xogo constitúe o principal instrumento para favorecer o desenvolvemento, a socialización, a creatividade e a aprendizaxe, promovendo valores como a igualdade, a solidariedade e o respecto.
A regulación presta especial atención á seguridade e protección dos menores. O centro dispón de plan de seguridade, prevención, emerxencias e evacuación (cun simulacro anual obrigatorio), pólizas de responsabilidade civil e accidentes, libro de reclamacións e un proxecto socioeducativo á disposición das familias.
A aprobación inicial do texto produciuse o pasado 28 de xullo e, tras ser sometido a información pública sen recibir reclamacións, incorporou as adaptacións da autorización autonómica da Xunta de Galicia do 14 de agosto e diversas achegas técnicas municipais. O novo regulamento entrará en vigor tras a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e no Portal de Transparencia.

